A nova alcaldesa de Sada alega que a moción de censura foi "democrática" e que fará "outra política"

O exalcalde de Sada ratificou a súa intención de porse a disposición de Sadamaioría para ser o novo candidato por esta formación nas próximas eleccións municipais

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 18/11/2022 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

A nova alcaldesa de Sada, María Nogareda (que concorreu ás eleccións municipais por Alternativa dos Veciños, partido que informou da súa expulsión xunto ao outro edil do citado grupo) defendeu que a moción de censura contra o ata hoxe rexedor, Benito Portela, foi "democrática".

"O que non é democrático é non deixar falar á xente nin escoitala", dixo sobre o feito de que os reproches cara a ela e os demais membros que promoveron a moción de censura impedisen que tomasen a quenda de palabra ou se lles escoitase cando tentaron facelo.

"Era a decisión que había que tomar", insistiu, rexeitando que promovese a moción por estar "na cadeira de brazos" da Alcaldía. En canto á súa condición de edís non adcritos, asegurou que non teñen ningunha notificación e que desde Alternativa dos Veciños non se lles comunicou a súa expulsión.

"Se alguén reclama haberá que responder a todo isto", engadiu a nova rexedora, quen argumentou que a moción busca "outra maneira de facer política".

Neste senso, apuntou que como funcionaria do grupo A podería volver ao seu traballo "en canto quixese". "Estes días tiña unha necesidade especial de volver ao meu traballo, pero tiña un compromiso que alcancei e non podía mirar para outro lado", sentenciou.

A nova alcaldesa de Sada, María Nogareda
A nova alcaldesa de Sada, María Nogareda | Fonte: M. Dylan

BENITO PORTELA NON SE DÁ POR VENCIDO

O exalcalde de Sada, Benito Portela, ratificou a súa intención de porse a disposición de Sadamaioría para ser de novo o candidato por esta formación nas próximas eleccións municipais.

Avanzouno no debate do pleno da moción de censura, promovida contra o seu goberno polos dous exediles de Alternativa dos Veciños; os cinco do PP, con expediente disciplinario aberto polo seu partido; e os dous que concorreron polo PSOE, expulsados de forma provisional.

"Póñome a disposición para ser candidato en 2023 e optar á Alcaldía", ratificou tras unha moción de censura pola que a exedil de Educación, María Nogareda, que concorreu por Alternativa dos Veciños nas últimas eleccións, será a nova alcaldesa.

En canto ao debate do pleno da moción, celebrado ante unhas 300 persoas e con apupos aos impulsores da moción de censura, manifestou que o que sentiu é "un respaldo popular cara ao goberno saínte".

"Derrocado nun golpe á democracia", insistiu Portela, quen asegurou que os edís de Sadamaioría se senten "fortes" para traballar desde a oposición e co obxectivo de "volver gobernar en Sada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta