Declara o cargo de seguridade de Adif, "colaborador" de Cortabitarte, que estivo investigado en instrución

Tamén está convocado para esta semana un técnico da UTE que despois foi designado como vogal na CIAF.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2022 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

O xuízo polo accidente do tren Alvia, que descarrilou en xullo de 2013 en Angrois, estará marcado a próxima semana pola declaración de Fernando Rebón, quen está convocado para o xoves e era xerente da área de seguridade na circulación da zona noroeste de Adif.

Rebón era colaborador do ex xefe de seguridade na circulación de Adif Andrés Cortabitarte no momento de posta en funcionamento da liña. Cortabitarte, xunto ao maquinista Francisco Garzón, senta no banco dos acusados neste xuízo, que trata de determinar responsabilidades penais polas 80 mortes e 145 feridos.

Avanzada a instrución, en setembro de 2018, Fernando Rebón declarou en calidade de investigado e defendeu que non tiña competencias na posta en servizo da liña. Foi o segundo xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, quen o incluíu como investigado para "esclarecer algúns dos defectos que, no que se refire a a xestión da seguridade e riscos inherentes á liña, xustificaron no seu día a imputación do señor Cortabitarte".

Non vía "descartable" que "boa parte dos reproches que xustificaron a imputación" de Cortabitarte puidesen ser "extensivos" a Rebón, aínda que despois este cargo de Adif foi desimputado.

DOUS TÉCNICOS DA UTE

Ese mesmo día, o xoves, está convocado Juan Eduardo Olmedilla, un técnico da unión temporal de empresas (UTE) de Thales e Dimetronic, que forneceu a tecnoloxía de seguridade da liña Ourense-Santiago. El foi quen se encargou do 'safety case' que a UTE achegou a Ineco.

A continuación está citado Emilio Martín Lucas, tamén responsable de seguridade no seu día de Siemens-Dimetronic, e que despois foi designado vocal na comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF).

O xuízo retómase este martes coa declaración de tres maquinistas xefes de tren, a proposta do avogado de Garzón, que xa impulsou a comparecencia dun profesional do sector o pasado xoves. Acudirán como testemuñas un condutor de trens Alvia coñecedor da liña, o xefe de Garzón e o seu formador.

Mentres, o mércores será a quenda para o presidente (na actualidade secretario) do comité xeral de empresa de Renfe, Juan Carlos Cañas.

O ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, á saída da primeira xornada do xuízo polo accidente do Alvia
O ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, á saída da primeira xornada do xuízo polo accidente do Alvia | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta