O edil compostelá Javier Fernández dimite despois de que Bugallo lle retirase as competencias dos centros socioculturais

O alcalde concentra esta área en Mercedes Rosón

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2022 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, retirou as competencias sobre os centros socioculturais ao concelleiro Javier Fernández e atribuíullas á primeta tenente de alcalde, Mercedes Rosón. Ademais, tras transcender a noticia na mañá deste mesmo luns, Fernández presentou a súa dimisión como edil do goberno local, segundo confirmaron a Europa Press fontes do Concello.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este luns, sen anunciarse previamente, o anuncio desta reestruturación. O texto explica que é o "valor" dos centros socioculturais e o parón de actividade que sufriron coa pandemia da covid-19 os que fan "fundamental incrementar a súa coordinación" coa área de Cultura do Concello, en mans de Rosón.

Preguntado este mesmo luns na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local, o alcalde reiterou que este cambio de atribucións non ten que ver coas protestas dos empregados cara a Fernández polas condicións de traballo, senón que se debe a que busca "reforzar e mellorar ao máximo posible" a área de Obras, que tamén leva Fernández.

Ademais, Bugallo dixo que se trata dunha decisión que "tiña tomada antes do verán e que os membros do goberno coñecían desde principios de setembro".

O rexedor compostelán alegou que hai que "reforzar a área de obras", un tema "troncal para a cidade". Así mesmo, xustificou que os fondos europeos e a dispoñibilidade dos remanentes de tesouraría do Concello obrigan a apurar os prazos para a execución das obras en 2023. "Non sabemos se en 2024 se poderá dispor deses recursos ou non", engadiu.

De igual modo, o alcalde defendeu a elección de Mercedes Rosón para levar estes centros. En primeiro lugar, porque xa se encarga da Concellaría de Acción Cultural. En segundo, porque é unha "persoa absolutamente idónea para facerse cargo da dirección política" destas instalacións, tendo en conta que, en mandatos anteriores de Bugallo, xa fora edila de Centros Socioculturais.

O concelleiro de Obras de Santiago, Javier Fernández, en rolda de prensa
O concelleiro de Obras de Santiago, Javier Fernández, en rolda de prensa | Fonte: Concello de Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta