Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 21/11/2022 | Actualizada ás 20:45
O 21 de novembro de 2002 a marea trouxo consigo unha nova mancha de verquido desprendido do 'Prestige' cara a ría de Corcubión. Outra 'marea negra' que xa se agardaba, visto o rumbo que estaban a tomar os acontecementos.
As manchas que se vían na superficie do mar estaban bastante fragmentadas e os barcos de limpeza que se afanaban por realizar as tareas á maior brevidade non puideron saír a traballar neses días polo mal tempo, pois os temporais, como agora, no daban tregua.
Así, ao non poder frearse o seu avance, sen obstáculos, a nova 'marea negra' chegou ás praias do Pindo, Sardiñeiro e A Concha, así como ás ferroláns de Cobas e Doniños. Tamén apareceu unha mancha a tan só unha milla da coruñesa Torre de Hércules.
Xa era oficial, a costa galega non tiña salvación e miles de especies estaban morrendo a causa da toxicidade do verquido. O Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión asumiu entón a denuncia presentada pola Capitanía Marítima da Coruña contra o capitán do 'Prestige'.
Co barco afundido, os feitos probados que emanan da posterior sentenza aseguran que o 'chapapote' acabou afectando, en total, a cerca de 3.000 kilómetros de litoral e contaminou 1.137 praias e 450.000 metros cadrados de superficie rochosa.
Neste contexto, tamén foi o 21 de novembro cando naceu a plataforma cidadá 'Nunca máis', como forma de dar resposta ao desastre ecolóxico e para esixir responsabilidades pola nefasta xestión política que fixeron tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.