Angrois.- Garzón recibiu formación sobre unha vía "totalmente diferente" á do accidente, cun sinal avanzado de freado da que esta carecía

A pesar das advertencias do maquinista sobre a perigosidade da curva da Grandeira, non se impartiu ningún tipo de formación centrada nela

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2022 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

O maquinista Francisco Garzón, acusado xunto ao exdirector de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte no xuízo polo accidente do tren Alvia, formouse por unha vía "totalmente diferente" á que rexistrou o sinistro, segundo subliñou o responsable desa formación, Abel Fortes.

Abel Fortes compareceu este martes despois do maquinista xefe de tren Manuel Mato e a súa declaración adiantouse á de Juan Carlos Cons por petición do avogado de Garzón, quen propuxo ao tres.

Durante o interrogatorio deste letrado, que defende a Garzón (como Cortabitarte, acusado de 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave), Fortes explicou a formación que deu aos maquinistas de longa distancia que ían circular pola liña Ourense-Santiago que se inaugurou en decembro de 2011.

"Pasáronnos un aviso de que había que comezar a formación tres ou catro meses antes, en setembro-outubro de 2011", expuxo. Neste punto, o avogado subliñou que a vía 1, a do accidente, "non foi dada de alta ata o 28 de novembro" e que ata esa data as prácticas facíanse pola vía 2. En concreto, Garzón recibiu a formación entre o 16 e o 19 de novembro, pola vía 2.

A preguntas do avogado, o formador de Garzón indicou que pensou que ambas as vías "eran paralelas" e iguais. No entanto, logo viu que eran "totalmente diferente", dixo.

Isto é así, segundo explicou o propio letrado e ratificado o formador, porque "pola 2, a avanzada nunca estaba en vía libre" (xa que había unha desviada), mentres "pola 1, a avanzada sempre ou case sempre estaba en vía libre". "É correcto? Si", respondeu Abel Fortes.

"Significaba que pola vía 1 dependía exclusivamente do maquinista a redución de velocidade de 200 a 80 quilómetros por hora antes da curva", denunciou o letrado. "Pola 2, o sinal avanzado nunca estaba en vía libre e controlaba esa redución de velocidade. Correcto? Correcto", volveu a contestar.

"Que ocorre cando se chega a unha avanzada que ordena anuncio de precaución?", inquiriulle a continuación. "Iamos cunha locomotora e co sistema 'Asfa' a bordo. Ao pasar por un sinal con anuncio de parada, a condición de que non sexa libre, ese sinal emite un asubío e obriga a pulsar un pulsador de recoñecemento e iniciar a acción de frear. Se non o realiza, o tren frearíase de emerxencia", sostivo.

Por estas circunstancias, incidiu en que a formación non tiña que trasladar ningún punto no que iniciar a freada, xa que "esa orde xa a daba o sinal avanzado ordenando anuncio de precaución ou de parada", en palabras da defensa de Garzón. "Non había que indicarlle nada? Non", ratificou de novo a testemuña.

Neste senso, o avogado profundou: "A todos os maquinistas que vostede formou o punto de referencia ordenáballo un sinal en anuncio de precaución con baliza e control da velocidade", ao que o maquinista formador de Garzón insistiu en que é "correcto".

Cando se abriu a vía 1 "e déronse conta de que era moi diferente", aos maquinistas "non" se lles deu maior formación, segundo a testemuña.

A continuación, o avogado de Garzón mostrou un documento que constata cinco acompañamentos realizados ao seu cliente, ningún deles na vía do descarrilamento (un Ourense-A Coruña, outro A Coruña-Ourense, outro Santiago-Ourense e dous máis A Coruña-Ourense).

Despois ensinou outro con todos os acompañamentos realizados no itinerario do accidente, desde que se puxo en marcha a liña ata o día do accidente (Ourense-Santiago), no que non figura Garzón.

De todo isto, o seu avogado defensor concluíu que "Garzón se atopou coa situación da vía 1 na primeira viaxe que fixo con viaxeiros e que o que tivo que facer tívoo que inventar el só", en referencia a que debía iniciar a redución de velocidade de 200 a 80 quilómetros por hora sen ningún sinal que llo advertise.

"ESA CURVA ERA PERIGOSA"

O seu formador destacou que non se lle impartiu ningunha formación máis a Garzón despois, "nin sequera" tras o aviso do xefe de maquinistas José Ramón Igrexas Mazaira, quen advertiu do risco da curva da Grandeira.

"Formación non se lles deu. Si que había o comentario de que esa curva era perigosa e que tomasen medidas os maquinistas onde conviñesen", sinalou.

Por outra banda, negou facer fincapé no "punto singular" do quilómetro 84 (onde estaba o sinal de redución de velocidade, que había que comezar antes), como así consta nun documento de Renfe elaborado ad hoc, despois do accidente, para achegar á causa.

Accidente do tren Alvia en Angrois, en xullo de 2013
Accidente do tren Alvia en Angrois, en xullo de 2013 | Fonte: Arquivo

O ÚNICO QUE PODÍA SALVAGARDAR A SEGURIDADE ERA QUE O CONDUTOR "SE DESE CONTA" DE PASAR A 80 KM/H

Pola súa parte, o xefe de Francisco Garzón, o maquinista acusado no xuízo polo accidente do Alvia, denunciou que "o único que había" na liña para salvagardar da seguridade era que o condutor "se dese conta" de pasar a 80 quilómetros por hora pola curva da Grandeira.

Juan Carlos Cons foi a terceira testemuña en declarar este martes, e fíxoo a proposta do avogado de Garzón, que tamén presentou aos dous anteriores (outro maquinista xefe e o formador de Garzón).

A súa comparecencia comezou ao redor das 15.00 horas e despois de que os letrados de Garzón se ausentasen un par de minutos da sala, ante o que a xuíza ameazou con dalo por renunciado.

COÑECEU O AVISO "DE FORMA VERBAL"

A preguntas do letrado que defende a Garzón, Cons, xefe de maquinistas da Coruña, sinalou que coñeceu o aviso sobre o perigo da curva "de forma verbal" e que estaba totalmente de acordo coas súas advertencias e recomendacións.

En concreto, o xefe de maquinistas José Ramón Igrexas Mazaira alertaba do brusco salto de velocidade na Grandeira sen previo aviso, xa que era preciso iniciar o freado antes do sinal de limitación, situada no quilómetro 84.

O USO DO TELÉFONO

Sobre o uso do teléfono, indicou que se lles achegou un corporativo no ano 2001 "e o convenio" obrigáballes "aos maquinistas a levalo "operativo" como "ferramenta de traballo".

"Antes de dárnolo houbo a súa polémica: 'A ver se nos van a estar a chamar todo o día ou algo así, fóra do traballo'", lembrou que se comentaba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta