Reivindican en Pontevedra a "palabra" da muller como autora literaria e piden unha maior presenza feminina no gremio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, descubriu este mércores un banco de pedra co que se conmemora o primeiro aniversario da firma do 'Manifesto de Soutomaior'

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, descubriu este mércores un banco de pedra co que se conmemora o primeiro aniversario da firma do 'Manifesto de Soutomaior'.

Trátase dunha escultura en pedra dun libro aberto que reflicte o nome dalgunhas das fundadoras deste manifesto feminista e parte das súas reivindicacións. Foi elaborada na Escola de Cantaría e está instalada nos xardíns do Pazo provincial.

En novembro de 2021, a Deputación pontevedresa celebrou por vez primeira o Día das Escritoras cun encontro de autoras e editoras galegas que culminou coa firma do Manifesto de Soutomaior.

O texto foi subscrito por Fátima Anllo, Edurne Baines, Isabel Branco, Mariana Carballal, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Ana Figueiredo, Inma López Silva, Esperanza Mara, Silvia Penas, Arantza Portabales, Elvira Ribeiro, Regina Veiga, Carmela Silva, M.ª Vitoria Alonso, Lucía Muradas, Paula Cabaleiro e Ana Amoedo.

A declaración demanda, entre outras cuestións, o cumprimento do artigo 26 do capítulo 2 da Lei de Igualdade e a revisión do canon literario, así como a presenza das mulleres autoras e editoras galegas no currículo escolar, así como nos espazos de toma de decisión, nomeamentos, xurados de premios literarios, Días das Letras Galegas, recoñecementos, edicións de antoloxías e nas Reais Academias.

"Conseguimos nun ano cousas que parecían imposibles", aseverou Silva, que considera que neste tempo "moitas máis" mulleres recibiron premios literarios e apareceron máis galardóns con nome de muller.

A presidenta tamén anunciou que a deputación vai pór en marcha, entre outras iniciativas, os premios literarios 'Hai unha voz' para recoñecer o papel das escritoras e profesionais galegas no ámbito da literatura.

Tamén nacerá o concurso escolar de relatos 'Cambiemos o conto' para premiar ás redaccións centradas na igualdade e na loita contra as violencias machistas; así como un observatorio sobre a situación das mulleres na literatura e unha biblioteca dixital de mulleres da escritura.

Carmela Silva na inauguración do banco co 'Manifesto de Soutomaior'
Carmela Silva na inauguración do banco co 'Manifesto de Soutomaior' | Fonte: YouTube

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta