A Xunta utiliza a vía excepcional para aprobar 13 parques eólicos de competencia estatal

Conde pide a Transición Ecolóxica investimentos na rede de distribución e transporte para garantir a viabilidade industrial

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2022 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, proporcionou este mércores, durante a Conferencia sectorial de enerxía, os informes necesarios ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para avanzar coa tramitación dos 13 parques eólicos que son da súa competencia e aos que a Xunta deu 'luz verde' por unha vía excepcional.

Segundo sinalou o Goberno galego nunha nota de prensa, Conde destacou que se trata de proxectos "cun labor crave como é garantir a competitividade da industria galega ao fornecer enerxía á fábrica de Alcoa e ás futuras iniciativas de Sentury e Showa Denko".

Deste xeito, puntualizou que, destes 13 proxectos, oito necesitan da aceleración, por parte do Ministerio, da declaración de impacto ambiental "antes de finais de xaneiro", xa que "pola contra provocaría a caducidade dos permisos de acceso e conexión".

MÁIS INVESTIMENTOS EN DISTRIBUCIÓN E TRANSPORTE

Así mesmo, a Xunta pediu ao Goberno central que incremente os investimentos nas redes de distribución e transporte para atender prioridades da planificación eléctrica que garantan a viabilidade e competitividade de proxectos industriais clave para a economía galega como Sentury, Alcoa ou Stellantis.

Ademais, a Xunta trasladou unha solicitude formal ao Executivo de Pedro Sánchez para "que se inicie unha revisión da planificación eléctrica 2021-2026". Con esta solicitude búscase "garantir que estes proxectos industriais poidan dispor tanto das infraestruturas eléctricas como do desenvolvemento das renovables vinculadas aos mesmos".

Nesta liña, Conde explicou que, de ser tida en conta esta petición, permite "unha maior infraestrutura para absorber a xeración renovable e garantir unha maior capacidade do sistema para facer fronte ás demandas enerxéticas da industria".

Unha vaca repousa tombada fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, na Serra do Xistral
Unha vaca repousa tombada fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, na Serra do Xistral | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta