Eólicas, enerxéticas, metalúrxicas e administracións comporán a Alianza industrial do hidróxeno verde

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou este xoves na primeira rolda de consultas que ten como obxectivo a constitución da Alianza industrial do hidróxeno verde, que aglomere toda a cadea de valor.

Na reunión, celebrada en Santiago de Compostela, estiveron presentes representantes da Asociación Galega do Hidróxeno, as autoridades portuarias da Coruña, Vigo e Ferrol, a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), Cluster Enerxías Renovables Galicia (Cluergal), Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas (Asime), Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), Clúster Naval Galego (Aclunaga), o Clúster da Función Loxística e as tres universidades públicas.

Conde explicou, en preguntas dos medios previas á reunión, que Galicia ten "un mapa de oportunidades moi importante para impulsar esta colaboración cos produtores de hidróxeno e os consumidores industriais, pero tamén cos fabricantes de compoñentes e toda a loxística".

Nesta liña, destacou que esta alianza busca "promover a colaboración público-privada entre administracións e o sector privado do hidróxeno verde", así como "o deseño e a posta en marcha de instrumentos de apoio específicos, no que os fondos europeos terán un papel destacado".

Ademais, insistiu na "necesidade de traballar no desenvolvemento das infraestruturas de transporte do propio hidróxeno verde e a capacidade de conectar Galicia co norte de Portugal e coa meseta".

Deste xeito, o vicepresidente primeiro fixo fincapé en que se trata dunha rolda de consultas "para solicitar os apoios necesarios que poñan en marcha esta alianza e conseguir que Galicia dispoña dun ecosistema máis completo e diversificado neste ámbito".

O vicepresidente primeio e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, na reunión previa para a constitución dá Alianza industrial do hidróxeno verde
O vicepresidente primeio e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, na reunión previa para a constitución dá Alianza industrial do hidróxeno verde | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta