Prorrogado un ano o convenio de protección das aldeas fronte aos incendios, con 13,5 millóns

Están adheridos o 88% dos municipios galegos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O Goberno galego acordou prorrogar un ano máis o convenio de protección das aldeas, subscrito entre a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Servizos Agrarios de Galicia (Seaga) en materia de prevención e defensa contra incendios.

Así, a través dunha adenda, dótase esta prórroga cun orzamento adicional de 13,5 millóns de euros, dos cales 1,25 millóns de fondos propios da Consellería destinaranse para finalizar as actuacións neste ano 2022 e 12,25 millóns para as de 2023 (7,75 millóns por parte da Consellería e 4,5 millóns por parte do Fondo de Cooperación Local) para poder levar a cabo as actuacións no marco do sistema público de xestión da biomasa nas franxas secundarias.

A Xunta lembra que a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece o procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de franxas e indica que son as persoas propietarias as que teñen o deber de mantelas xestionadas as franxas ou, pola contra, será o organismo municipal o que proceda á súa execución de forma subsidiaria.

Consciente das dificultades que teñen os concellos para facer cumprir dita norma, a Xunta estableceu un sistema público de xestión, onde os particulares con parcelas en parroquias priorizadas que se adhiran a un contrato de xestión de biomasa abonarán unha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea para a xestión da biomasa nos seus terreos. A día de hoxe están adheridos a este convenio de protección das aldeas o 88% dos municipios galegos (un total de 276).

Un veciño de Senderiz en Lobeira observa un hidroavión traballar no incendio forestal na Serra do Leboreiro, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés
Un veciño de Senderiz en Lobeira observa un hidroavión traballar no incendio forestal na Serra do Leboreiro, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta