Que facías ti canda o do “Prestige”?

Os aniversarios permiten mirar atrás e vernos cos ollos daquela.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 30/11/2022

Comparte esta noticia
Cheguei a Santiago para un exame na EGAP que me habería de levar a Bruxelas para os seguintes vinte anos. O ceo estaba preñado de gris e choiva. "El Correo Gallego" tiña en portada un mar de paraugas reivindicativos no Obradoiro.  
 
A min o “Prestige” pilloume en Vitoria, rematando o posgrado e na Presidencia do Goberno Vasco. Para quen lembra o Casón, o Mar Exeo ou o "Discoverer Enterprise" non foi no comezo nada que chamara a atención tras demasiados outonos de mareas vivas. O que pasou despois si foi diferente, e anunciaba os tempos líquidos nos que vivimos hoxe. 
 
A casualidade quixo que pouco despois, xa en Bruxelas, me convertera nunha das persoas que tivo que aprender moito sobre seguridade marítima. Xa na oficiosa oficina de Galicia en Bruxelas tocoume seguir a comisión especial do Parlamento Europeo sobre seguridade marítima: a chamada Comisión MARE. Que non só do Prestige, en Europa chocou máis a desfeita do “Erika” na Bretaña, e así se chama a lexislación europea actual na materia de dobre cascos e demais. A Xunta que anos despois se converteu na sombra de dous Presidentes da Comisión Europea consecutivos (Galicia sempre exporta talento), pasei alí moitas horas e moitos informes fixen deses días. Lembro as intervencións de Camilo Nogueira (o nacionalista dos 400.000 votos) e as do relator Dirk Sterkx. Tamén algo aprendín de como funciona o Parlamento. Mesmo cheguei a ir a Organización Marítima Mundial co embaixador de España cando se aprobou restrinxir os cargueiros máis perigosos nas nosas costas. 
 
A cousa é que nesa época sen webstreaming pero paradoxalmente moi doado acceso á Eurocámara (moito máis daquela có noso Pazo do Horreo) os diplomáticos e paradiplomáticos botabamos moitas horas  nos asentos de atrás desa Comisión. Cando non chan, tomando notas e facendo informes que posiblemente alguén lera en Santiago. Así que nesa monotonía foi toda unha ilusión cando viñeron de visita algún dos meus horoes coma Xurxo Souto. Coma as sesións eran longas acostumaba a mercar no quiosco da entrada “El País” (daquela ata se vendía “La Vanguardia” ou o “ABC”) e toda a panda de artistas que veu, visiblemente perdidos faláronme e pedíronme botarlle unha ollada ó meu xornal. Cando sorrinte lles dixen que era galego preguntáronme, como non, “de quen ves sendo”. E díxenlle sen darlle importancia que “que viña parte da Xunta a cubrir a reunión”.   
 
Non quixen ver que á volta da parada para o xantar me lanzaban miradas desas típicamente galegas, xa sabedes. Comprendino despois cando o BNG denunciou no parlamento que un “espía da Xunta” os estaba a seguir por Bruxelas. O que fai o descoñecemento e a paranoia post 11S. Teño que dicir que o que era daquela –e ainda hoxe- o alto cargo da Xunta para a Acción Exterior foi comparecer ao Parlamento por cousa miña e tivo a elegancia de nunca pedirme explicacións nin ordear represalias.  Hai uns días e con máis anos enriba o mesmo grupo voltou á Eurocámara invitados por Ana Miranda, agora eurodeputada. Infelizmente polo choio non puiden ir e sacalos por fin do seu erro. 
 
O Beiras pre-AGE desa época chegou a falar de que co “Prestige” e Nunca Máis naceu unha nova nación. Eu o que lembro é que ata que chegou o chapapote ás Rías Baixas moita xente non se preocupou do que pasaba na outra parte do impaís. Cando, volvendo de Santiago a Vitoria, a secretaria dun dos altos cargos da Lehendakaritza me preguntou coma podía facer para ir de voluntaria non souben que dicirlle. Non só porque a Xunta non quería animar a ola humana desorganizada e supostamente antigobernamental que fora limpar a Costa da Morte, senón porque non coñezo a ninguén da miña zona que se enfundara de branco e marchara aló enriba.   Tamén lembro que neses días invitáronme a unha copa nun bar do casco vello de Bilbao, só por ser galego. Non me gustou tanto cando meses despois e tralas municipais me reclamou alguén que como votamos a Fraga cando el fora alá limpar as nosas costas. 
 
Cambiou algo Galicia?  Na tertulia online de Xosé Manuel Pereiro en Luzes “A Actualidade está sobrevalorada” defenden que si. Os chamados paquetes Erika I e II quitaron moitos barcos piratas das nosas costas. Os medios de salvamento son maiores. Alonxáronse os canais marítimos de diante das nosas costas e por onde pasa o 40% do comercio mundial (Galicia illada, xa sabedes).  O que non se decidiu, e duvido moito que haxa sequera un plan de continxencia, pois ninguén querería fírmalo, é o do porto refuxio.  Resolver problemas políticos dependen da solidez e resiliencia da comunicade política, e a nosa é a que é. En 2022 coma en 2002 se volve a vir outro barco tocaralle ao político de turno decidir no momento e por si mesmo se mándalo ao porto exterior da Coruña ou á Ría de Cee. E pregar que non se parta polo camiño. 
 
Tamén hai quen di que Nunca Máis, Marea Negra, Hai que Botalos e todos aqueles colectivos que surxiran daquela foi o xérmolo da Galicia actual, onde os que mandaban daquela conservan a Xunta e pouco máis (e nada menos). Mais é unha mágoa que a dinámica que se xerou (mesmo unha excelente serie de curtas e banda deseñada) non xerase tecido. Coma infelizmente pasa sempre entre nós.  
 
Tampouco é que medrara particularmente a conciencia medioambiental. Desde aquela media Galicia tamén ardeu e se despoboou aínda mais sen que iso callase nunha maior conciencia dos nosos problemas colectivos.  
 
As asociacións medioambientais sacaran un estudo daquela que indicaba que moita da biodiversidade non se voltaría a recuperar plenamente. O que non se recuperou foi a poboación. Hoxendía A Costa da Morte é unha das poucas comarcas da fachada atlántica europea que está en alto risco de despoboamento, xogando na mesma liga das famosas Highlands. Paradoxalmente coma resultado das políticas paliativas que se improvisaran na época, tamén chamadas “Plan Galicia”. Hai uns anos un estudo sobre o nivel de tráfico da comarca trala nova autovía que se construíra desde Santiago amosa que a circulación é un 30% inferior cá daquela. A xente vota cos pes, ou coas rodas. 
 
O que si morreu daquela é a posibilidade dunha Galicia galeguista, sector boina. Non custou moito. Bastou que o suposto delfín de Fraga fora obxecto dun par de novas sobre contratos de merca de equipamento antichapapote para que tivera que presentar unha nota manuscrita diante do patrón dando vivas a Lalín e Galicia. Seguramente morreu o que nunca nacera.  
 
Neste vinte aniversario, probablemente o derradeiro, os medios privados e mesmo públicos, tamén os de Madrid, se fixeron eco da efeméride. Non así a Galicia oficial. Tamén é certo que tamén se conmemorou o centenario do nacemento de Fraga, posiblemente o galego máis notable para a Galicia do século XX tras Castelao, e ata os seus non pasaron alén dun acto para cumprir o expediente.    Non é esta terra de memoria. 

Voluntarios limpan a costa da localidade galega de Muxía despois de que a marea arrastrase o chapapote cara á costa galega tras o sinistro do Prestige
Voluntarios limpan a costa da localidade galega de Muxía despois de que a marea arrastrase o chapapote cara á costa galega tras o sinistro do Prestige | Fonte: Álvaro Ballesteros
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos