Santiago contará con 11 novos buses urbanos, dous deles en funcionamento esta semana na liña sete

A xunta de goberno local tamén aprobou a licitación do concurso para o cambio de luminaria para instalar 30.000 luces LED e reducir como mínimo un 55 % o consumo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2022 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago de Compostela aprobou este luns, na xunta de goberno local, a substitución de 11 vehículos do transporte urbano.

Esta medida chega despois de que nos últimos meses se rexistraran incendios en dous autobuses urbanos da cidade. O primeiro, o pasado 30 de agosto, en Aríns, onde faleceu un dos bombeiros que se desprazou ata a zona, e o segundo, este mesmo mes de novembro, en San Marcos.

O alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, detallou en rolda de prensa que, dese cómputo total de autobuses, dous deles estarían na liña 7 San Roque-Aríns, que poderían empezar a operar "entre esta semana e a próxima".

Os outros nove vehículos que se cambiarán corresponden a un contrato diferente con outra empresa de transporte, que terán un "prazo máximo dun mes" para que empecen a funcionar.

Desta forma, Bugallo detallou que a operadora do servizo comunicoulle que tres estarían dispoñibles actualmente e seis "veñen de camiño". Por tanto, previsiblemente antes do 15 de decembro "estarían a funcionar" ese nove autobuses.

"Determinarase en que liñas se van adxudicar, pero en principio será naquelas que hai máis problemas e onde hai maior número de viaxeiros", explicou o alcalde.

Con isto, o Concello poderá manter dous vehículos de reserva ante posibles avarías ou imprevistos, segundo puntualizou en rolda de prensa Bugallo.

Neste senso, incidiu en que dos nove autobuses que se corresponden cunha das empresas, seis son "completamente novos" e tres, que son os dispoñibles nestes momentos, son de menos dun ano de antigüidade.

LICITACIÓN PARA O CAMBIO DE LUMINARIA

Por outra banda, o consistorio municipal aprobou a licitación do concurso para o cambio de luminaria de toda a cidade, co que prevén substituír preto de 30.000 elementos por luces LED. O importe total a dez anos é de case 50.000 euros.

Na rolda de prensa deste luns, Bugallo detallou que "a previsión que hai" é que, unha vez adxudicado o contrato, o prazo de execución para o cambio de todas as luminarias, que pasarían a ser LED, sexa de oito meses.

"Con este cambio esperamos, como mínimo, unha diminución do consumo do 55 %, pero esperemos que as ofertas melloren isto e a diminución estea por encima do 60 %", apuntou Bugallo.

Autobús urbano Santiago de Compostela
Autobús urbano Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta