Galicia e Asturias acordan traballar unidos polo corredor ferroviario do noroeste

Os presidentes autonómicos Adrián Barbón (PSOE) e Alfonso Rueda (PP) coincidiron este luns na política ferroviaria, mais non na fiscal

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 28/11/2022 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

Os presidentes autonómicos de Asturias e Galicia, Adrián Barbón (PSOE) e Alfonso Rueda (PP) respectivamente, coincidiron este luns na necesidade de traballar unidos, xunto a Castela e León, polo corredor ferroviario do noroeste.

Barbón e Rueda referíronse a este asunto na xornada 'Encontros no Eo', organizada en Ribadeo, na que os dirixentes dialogaron durante algo máis de dúas horas acerca da situación das diferentes comunidades.

Adrián Barbón avanzou que o conselleiro asturiano de Medio Rural e Cohesión Territorial, Alejandro Calvo, reunirase este martes cos seus homólogos nas comunidades veciñas e falarán do corredor do noroeste.

"A formulación ten que ser unha posición conxunta, nítida e clara", comentou Barbón, que recoñeceu que se sentiu "indignado" pola posición "egoísta" dalgúns empresarios que defenderon o corredor ferroviario do Mediterráneo pedindo recursos á conta do noroeste.

Rueda explicou que esa posición dos empresarios da zona do Levante tamén lle molestou moito. Para facer realidade o corredor do noroeste, dixo que non soamente teñen que estar unidos os políticos, senón tamén a sociedade civil, incluíndo o mundo empresarial. "Hai unidade, pero hai que demostralo", comentou o presidente galego, insistindo en que toda a sociedade debe implicarse para "presionar" neste asunto.

FISCALIDADE

Noutro punto do diálogo, os dous presidentes mostraron diferenzas, fundamentalmente no que se refire ás políticas fiscais. Rueda defendeu as súas medidas de rebaixas fiscais e a deflactación do tres primeiros tramos do IRPF. Ao seu xuízo, nun momento de inflación como a actual resultan medidas que son "case obrigación". Así mesmo, ratificou que a Xunta estuda recorrer o imposto anunciado polo Goberno para compensar as rebaixas do Imposto de Patrimonio.

Barbón, con todo, mostrouse partidario da "vía fiscal asturiana" e defendeu deducións fiscais para colectivos concretos e rexeitou rebaixas xeneralizadas. "Os impostos son o prezo da civilización", sinalou. Ademais, anunciou que se os orzamentos rexionais de 2023 son aprobados prorrogarase a supresión das taxas para profesionais do sector agrogandeiro.

O xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, xunto ao presidente de Asturias, Adrián Barbón, nas rúas de Santiago
O xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, xunto ao presidente de Asturias, Adrián Barbón, nas rúas de Santiago | Fonte: David Cabezón

FINANCIAMENTO AUTONÓMICO

En canto ao próximo modelo de financiamento autonómico, tanto Barbón como Rueda coincidiron en defender un sistema que teña en conta máis factores que o da poboación, e que contemple cuestións como o envellecemento ou a dispersión que existen en Asturias ou Galicia, que encarece a prestación de servizos.

Rueda demandou ao Executivo central unha reforma do modelo baseada "nunha xustiza distributiva" para as autonomías que teñan estas características e alertou de que unha negociación bilateral poría "en pé de guerra" ás comunidades que queden fóra.

ENERXÍA E PERTE

Tras recoñecer que a carencia de profesionais sanitarios é un problema que afecta a todas as comunidades autónomas e que habería que afrontalo de maneira global, os dirixentes das dúas comunidades tamén falaron de enerxía.

Barbón explicou que para que Asturias siga producindo máis enerxía da que consome é necesaria a transformación a fontes de enerxía renovables, incluída a eólica. Máis aínda, comentou, nunha comunidade autónoma con empresas que son grandes consumidoras de electricidade e que necesitan prezos competitivos. O dirixente asturiano propuxo ao Goberno central proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) para a descarbonización industrial.

O dirixente asturiano propuxo ao Goberno central un proxecto para a recuperación e transformación económica (Perte) para a descarbonización industrial.

O seu homólogo galego urxiu a convocatoria dos Perte ante a "incerteza" de financiamento para proxectos tractores, e reiterou que a Xunta fará "o posible e o imposible" para cumprir co prazo dos informes de impacto ambiental dos parques eólicos, e ha peidido o mesmo compromiso ao Goberno central cando lle corresponda.

Rueda destacou a necesidade de expor unha transición enerxética "ordenada". Tamén reivindicou a capacidade dos técnicos rexionais á hora de xestionar os fondos europeos, á vez que fixo críticas á tramitación por parte da Administración central, que, dixo, pide en ocasións informes de organismos dos que ela é a responsable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta