A Veiga aposta por reactivar a actividade agrogandeira para loitar contra a despoboación

Ten un proxecto baseado no autoabastecemento das explotacións agrícolas coa recuperación de leiras para producir cereal e forraxes e outro para a comercialización directa de produtos cárnicos e elaborados con materias primas locais

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 28/11/2022 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O Concello da Veiga recibirá un total de 274.840 euros por parte do Goberno central, ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para a reactivación da actividade agrogandeira a través de dúas iniciativas.

Así o destacou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, durante unha visita realizada ao municipio en compañía do alcalde, Juan Anta, ao que felicitou porque o Concello promoveu estes dous proxectos que foron seleccionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico nunha convocatoria adicada a combater o despoboamento.

O primeiro, centrado no autoabastecemento das explotacións agrícolas coa recuperación de leiras para producir cereal e forraxes (unhas 200 hectáreas recuperadas) e un segundo para pór en marcha un centro de iniciativas municipais para a comercialización directa de produtos cárnicos e elaborados con materias primas locais.

Estes case 275.000 euros son parte dos 986.747 que recibirá en total a provincia de Ourense ao amparo destas axudas contra o despoboamento. Ademais do da Veiga, son beneficiarios os concellos do Irixo, San Xoán de Río, Parada de Sil e Carballeda de Avia, xunto a outra subvención ao Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), dependente da Deputación.

En toda Galicia, son 13 as axudas a entidades locais por un total de 2,3 millóns de euros. Disto serviuse Miñones para destacar a "aposta" do Goberno de Pedro Sánchez polo municipalismo: "Porque entendemos que o reto demográfico é un desafío de todos".

O delegado do Goberno, José Miñones, visita A Veiga en compañía do alcalde, Juan Anta
O delegado do Goberno, José Miñones, visita A Veiga en compañía do alcalde, Juan Anta | Fonte: Delegación do Goberno

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta