Hiperxel formaliza o seu Plan de Reestruturación para evitar a entrada en concurso de acredores

Chegou a un acordo coa empresa especialista en importación e envasado de produtos do mar Casalnova para manter o stock en Nadal e 2023

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 29/11/2022 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

A cadea galega especialista en alimentos conxelados Hiperxel presentou este martes o seu Plan de Reestruturación co que pretende evitar a entrada da compañía en concurso de acredores.

Tal e como sinalou Hiperxel na súa páxina web, o obxectivo deste plan, cuxo prazo de duración mínimo é o 14 de xaneiro de 2024, é "modificar as condicións do seu pasivo, para garantir a viabilidade do negocio no curto e medio prazo e, evitar así, o seu concurso de acredores".

O documento publicado pola cadea galega diferenza ata oito tipos de acredores e exclúe a aqueles cun crédito que teña un saldo inferior ao mil euros, con créditos ICO e análogos, así como a acredores por crédito público e por asesoramento relacionado coa reestruturación.

Pola súa banda, entre as medidas que a empresa pretende adoptar atópase un plan de pagos con acredores aos que Hiperxel poderá facer fronte cunha inxección de capital de 2,8 millóns de euros procedentes do fondo propietario.

PACTO CON CASALNOVA

Ademais, o Plan de Reestruturación de Hiperxel recolle que a organización chegou a un acordo coa empresa especialista en importación e envasado de produtos do mar Casalnova, pacto polo cal esta organización se comprometeu a entregar a Hiperxel xénero co que poder afrontar a campaña de Nadal a cambio dun millón e medio de euros, cantidade que será afrontada en tres pagos.

Así mesmo, o documento revela que Casalnova adquiriu o compromiso de fornecer a Hiperxel en 2023 un importante número de existencias para manter stock nos seus máis de 100 tendas repartidas en toda Galicia por valor de 200.000 euros.

"HISTÓRICAMENTE RENDIBLE"

Hiperxel tamén destacou no seu Plan de Reestruturación unha serie de razóns polas que entenden que a compañía pode saír adiante. Entre elas atópanse que se trata dun negocio históricamente rendible, unha marca notoria e de prestixio, unha rede de tendas propias que contan cun equipo profesional comprometido, o mantemento das relacións comerciais con provedores e o apoio da actual propiedade.

Agora, unha vez formalizado o Plan de Reestruturación, a empresa permanece á espera de que este sexa sometido a homologación xudicial. Segundo sinalaron fontes sindicais da compañía a Europa Press, o prazo máximo para coñecer a decisión do xuíz é de dez días.

Establecemento de Hiperxel situado na cidade de Vigo
Establecemento de Hiperxel situado na cidade de Vigo | Fonte: Rodrigo Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta