Rueda defende os gobernos que "cumpren" como a Xunta: "Cumprir consiste en ser previsible e non estar a cambiar por alianzas nas seguintes eleccións"

O presidente galego amosa a súa preocupación por se non se chega a executar a primeira remesa dos fondos Next Generation

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2022 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este mércores nun foro que reuniu a empresarios e xornalistas económicos, que o seu goberno "cumpre". "Cumprir consiste en facer o que se espera dun goberno, tomar decisións, ser previsible e non estar a cambiar de criterio en función de alianzas e do que conveña nas seguintes eleccións porque sempre son inmediatas", salientou o mandatario galego.

As súas palabras no foro organizado por 'elEconomista' estiveron acompañadas dun repaso da lexislación impulsada pola Comunidade galega para favorecer proxectos empresariais (como a lei de áreas empresariais ou a lei de simplificación administrativa) e ligada tamén á propia temática do foro, que versou en concreto sobre a aplicación dos fondos Next Generation.

Neste sentido, lembrou os últimos datos dos que dispón sobre os fondos europeos, sobre os que mostrou de novo a súa "preocupación" por que non se chegue a executar a primeira remesa destas axudas europeas. Así, volveu apelar a que as comunidades teñen máis expertise na Administración autonómica para a tramitación dos fondos e volveu a esperar que o Goberno axilice no que queda de mes a xestión.

Rueda sinalou, como xa se avaliou en semanas anteriores, que Galicia ten "mobilizados" todos os fondos recibidos do mecanismo de recuperación e resiliencia, un total de 937 dos case 1.300 que lle foron atribuídos á Comunidade.

Así as cousas, o dirixente galego sinalou que a Xunta "cumpriu" e insistiu na postura favorable de descentralizar os proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte). Así, advertiu de que hai pertes que "se anuncian pero non acaban de convocarse" e mostrou a súa "preocupación" tamén polos "signos" de que se seguirán "centralizando" a maior parte os fondos europeos.

BAIXAR IMPOSTOS

Na súa intervención no foro, no que tamén participou o seu vicepresidente económico, Francisco Conde; Alfonso Rueda referiuse á fiscalidade e á postura da Xunta de que con "diferentes intensidades, segundo as épocas, sempre vai ser mellor baixar (os impostos) que subilos ou manter as baixadas", unha postura que foi aplaudida no peche do acto de 'elEconomista'. "Subilos non é unha boa opción para nós", remarcou.

O mandatario galego, que subliñou a condición de comunidade "exportadora" de Galicia, tras rexistrar unha nova "marca" nesta materia, reivindicou que a Comunidade galega é "fiable" e "reivindicativa cando hai que selo" e "leal" tamén.

Desta maneira, rexeitou a "confrontación pola confrontación", e o estar "sempre pedindo para ver o que cae". "Nós tentamos chegar a acordos", remarcou, para subliñar, a continuación, que se hai que esixir algunha cuestión, faino "sen ningún tipo de medo".

"ALIADAS"

Así, certificou que o seu Goberno "nunca vai usar aos empresarios como chibos expiatorios". "Os réditos políticos obtéñense doutra maneira", indicou, para agregar que as empresas "sempre teñen que ser aliadas".

Alfonso Rueda tamén apostou por "superar o ruído e os debates que se xeran ao redor da acción pública". "O que realmente importa é o emprego, as rendas, os ingresos para poder vivir dignamente, os servizos públicos estables", salientou antes de remachar que "neste momento hai moito ruído intencionado", que rexeitou.

O titular da Xunta, Alfonso Rueda, clausura o foro de debate Next Generation Galicia, organizado por elEconomista ostal dos Reis Católicos
O titular da Xunta, Alfonso Rueda, clausura o foro de debate Next Generation Galicia, organizado por elEconomista ostal dos Reis Católicos | Fonte: David Cabezón

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta