Pontevedra iniciará o 2023 cun gran parque para as mascotas

Estará ubicado en Monte Porreiro.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 02/12/2022 | Actualizada ás 10:46

Comparte esta noticia

Pontevedra construirá un dos maiores espazos para mascotas da cidade. A empresa Naturgalia SL vén de poñer en marcha os traballos que permitirán dotar ao barrio de Monte Porreiro dun parque canino de 1.100 metros cadrados de superficie nunha ampla zona verde. O novo espazo de paseo de mascotas, impulsado polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal, estará listo a principios de xaneiro de 2023.

Inicios das obras do parque canino en Pontevedra
Inicios das obras do parque canino en Pontevedra | Fonte: remitida

Trátase do primeiro dos tres parques caninos proxectados polos departamentos que dirixen os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey, estando previstos outros dous en Campolongo e en Valdecorvos (na Praza das Regas).

Segundo apuntou Puentes, a dilación nos trámites administrativos para poder executar o parque canino previsto nos terreos de Tafisa, pendente do permiso de Costas, levou ao Concello de Pontevedra a optar por crear varios parques de entre 700 e 1.100 metros cadrados distribuídos en puntos da cidade cunha elevada poboación de cans, dando así servizo ao maior número posible de usuarios no menor tempo posible. Neste sentido, Marcos Rey lembrou que a cifra de cans censados na nosa cidade ronda os 16.000 e, ante a carencia actual de espazos nos que os animais poidan moverse libremente, “a xeración destas zonas de paseo e xogo é prioritaria de cara a mellor a convivencia entre as mascotas e a cidadanía”.

Tanto o parque de cans de Monte Porreiro como os que se farán en Campolongo-Os Gafos e Valdecorvos, todas elas zonas da cidade cunha elevada poboación de mascotas, financiaranse con cargo a unha modificación de crédito aprobada cun montante global de 122.722,68 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta