Todos os servizos ferroviarios previos ao covid recuperados nas liñas Ferrol-A Coruña e Ourense-O Carballiño

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2022 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

Renfe recupera a partir do próximo 11 de decembro a totalidade dos servizos que ofrecía antes da pandemia nas liñas entre Ferrol e A Coruña e entre Ourense e O Carballiño, que forma parte da conexión da capital ourensá con Santiago de Compostela.

Nun comunicado, a operadora ferroviaria informou este venres que a recuperación destes servizos modificará algúns dos horarios da liña Ourense-O Carballiño-Santiago "para cubrir ao longo do día máis franxas horarias".

Así as cousas, o próximo 11 de decembro empezará a circular cada día un servizo máis (na actualidade son unicamente dous) entre as localidades da Coruña e Ferrol, en ambos os sentidos. Tamén se recupera o tren Ferrol-Betanzos, suspendido desde a pandemia.

Pola súa banda, na liña Ourense-O Carballiño-Santiago pásase dun a tres trens por sentido, á vez que se reconfiguran os horarios "para adaptalos ás necesidades de mobilidade e cubrir máis franxas horarias de desprazamento".

No comunicado, Renfe asegura que a oferta de trens "está restablecida na súa maior parte" respecto da que había antes do primeiro estado de alarma declarado en marzo de 2020 e que a súa "vontade" é "completar a reposición destes servizos nos próximos meses, a medida que se vaia incorporando o novo persoal de condución".

Trens de proximidade parados nas vías da estación de trens
Trens de proximidade parados nas vías da estación de trens | Fonte: César Arxina

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta