Renfe anulará os abonos gratuítos aos que reserven prazas e non as anulen con tempo

Poderase incautar a fianza aos viaxeiros que fagan mal uso do billete e nono se poderá facer un bono ata pasado un mes.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 05/12/2022 | Actualizada ás 10:23

Comparte esta noticia

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana modificou as condicións de uso dos abonos gratuítos de Media Distancia convencional para evitar a incorrecta utilización destes títulos, en especial os comportamentos de determinados usuarios que reservan praza nos trens co abono e logo non viaxan, segundo informou este luns o Departamento que dirixe Raquel Sánchez.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este luns as novas condicións destes abonos, que entrarán en funcionamento, na súa maioría, o vindeiro mércores, 7 de decembro.

Así, tras detectarse irregularidades, o Ministerio de Transportes modificou a operativa de venda e utilización dos títulos multiviaxe gratuítos de Media Distancia, restrinxindo a formalización de viaxes e a adquisición de abonos e sancionando usos irregulares reiterados, entre outras actuacións.

En concreto, Renfe incautará a fianza de 20 euros e anulará o abono gratuíto aos usuarios que, polo menos en tres ocasións, non cancelasen cun mínimo de dúas horas de antelación a reserva da praza se finalmente non van viaxar no tren. Retirarase o abono da liña na que se detectou un uso irregular e o operador ferroviario non expedirá un novo abono asociado a ese titular para ningunha orixe-destino de media distancia nun prazo de 30 días desde a anulación.

Antes de chegar a retirar o abono e a fianza, Renfe enviará dous avisos ao titular cando detecte que finalmente non viaxou sen anular a reserva coa antelación requirida. A terceira vez que se incorra en uso indebido, procederase a sancionar. Aínda así, establécese un prazo transitorio de sete días nos que se informará ao viaxeiro do incumprimento sen que isto supoña a aplicación da medida.

En paralelo, as novas condicións limitarán a catro viaxes diarios de ida ou volta o número máximo de traxectos que se permite formalizar por abono e imposibilitarase formalizar dúas viaxes no mesmo sentido ata que transcorra o triplo do tempo de viaxe programada. O Goberno quere evitar así que que se desvirtúe a efectividade dunha medida que se fixo con ánimo de incentivar a demanda do transporte público e contribuír a reducir as emisións de CO2.

COTA DE PRAZAS EN TRENS DE ALTA DEMANDA E NOVO ABONO PARA MENORES

Pola súa banda, en determinados trens, con reserva de praza e alta demanda, Renfe poderá establecer unha cota de prazas de pé, é dicir, sen praza reservada, que non superará o 10% das prazas ofertadas con reserva de praza, informando da devandita condición de viaxe aos viaxeiros. Nestes trens de alta demanda non estará dispoñible a selección de asento.

Así mesmo, lanzarase un abono específico para menores de idade sen DNI e só se poderá sacar un título por DNI, NIE ou pasaporte para cada orixe-destino, evitando así usos indebidos destes títulos.

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez. Juan Manuel Serrano Arce
A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez. Juan Manuel Serrano Arce | Fonte: - Europa Press

Esta medida entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023, coincidindo coa activación da prórroga das bonificacións ao transporte público ferroviario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta