Os ríos galegos son os que presentan mellor conservación de todo o Estado

Na conca de Galicia-Costa o 80,1 % dos cursos fluviais están en bo estado, mentres que na de Miño-Sil están ben o 73,8 %; en España a media non supera o 45 %

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O verdor natural dos montes galegos non ten mellor combinación que as augas cristalinas dos nosos ríos nos que se reflexan todo tipo de especies, algunhas que levan séculos con nós e outras de máis recente incorporación. Existe algo mellor que refrescarse no verán baixo a sombra dalgún ameneiro e cos pes na auga? Ese é un dos grandes praceres da vida que os galegos e as galegas temos o privilexio de desfrutar. A pregunta que debemos facernos é: ata cando? 

Vista xeral do río que pasa pola aldea de San Xiao, situada na Ribeira Sacra
Vista xeral do río que pasa pola aldea de San Xiao, situada na Ribeira Sacra | Fonte: Arquivo E.P.

E é que actualmente os nosos ríos están danados pola acción humana. O ser humano, coma case todo o que toca, está destruindo estes cursos de auga ás veces mesmo sen ser consciente diso. Dende a construción de presas ata o derribo de árbores de ribeira, pasando polas actividades pesqueiras descontroladas ou polos contaminantes de cultivos, todo está facendo que pouco a pouco as nosas augas perdan en calidade e en cantidade.

Dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica elaboraron un último informe no cal se recolle pormenorizadamente a situación de cada conca española. A realidade é nefasta, pois todas están en bastante malas condicións. Tanto que a conclusión á que chegaron é que case a metade dos ríos españois está en mal estado (o 45 %), é dicir, un total de 1.800 dos 4.000 cursos analizados.

Con todo, e aínda que como soe decirse 'mal de moitos é consolo de bobos', o certo é que en Galicia a situación non é tan dramática como no resto do Estado. Así, tanto os ríos da franxa Galicia-Costa como os da de Miño-Sil teñen mellores condicións que todos os demais, a excepción dos do Cantábrico Occidental. Vexamos máis detalladamente os datos.

En Galicia-Costa hai 317 cursos fluviais, dos cales 79 están en mal estado. Son moitos, non hai que levarse a engano, pero alo menos o 80,1 % dos ríos están en bo estado. Sería así esta a segunda demarcación con mellor rexistro.

A do Cantábrico Occidental ten 208 cursos fluviais e 32 deles en malas condicións, fronte ao 86,7 % que están ben. Cabe ter en conta que unha parte dos ríos do Cantábrico Occidental tamén teñen ubicación dentro de Galicia, pois a franxa abrangue ata a esquina noreste da provincia de Lugo.

Xa na parte da demarcación Miño-Sil, 65 dos 183 cursos fluviais que atinxe se atopan danados, mais o 73,8 % non o están, tendo boas condicións. Facendo balance, podemos por tanto comprobar que en Galicia 8 de cada dez ríos da demarcación Galicia-Costa están ben, e algo máis de 7 de cada 10 no caso da de Miño-Sil. Se en España esa relación non chega a 5 de cada 10, estamos moi por riba da media en calidade das augas.

MUROS, PRESAS E TODO TIPO DE CONSTRUCIÓNS QUE ALTERAN OS CURSOS NATURAIS

Agora ben, sobre os cauces danados cómpre revisar, analizar e mudar a situación actual ata chegar a sanealos ao 100 %. E isto non é tarefa sinxela, pois entran en xogo múltiples factores, dende os usos que se fan do chan, ate a modificación dos fluxos, pasando pola proliferación de especies invasoras.

Deste xeito, e indubidablemente, o primeiro que altera aos ríos son as construcións que se fan sobre eles. Muros, presas, tubaxes... Todo isto son obstáculos artificiais que están a facer dano ás augas. Pois aínda que non o creamos, os cursos dos ríos son un fenómeno vivo, en continuo cambio, que para poder cambiarse precisan de espazo, espazo que lles estamos a roubar.

En concreto, en toda España hai un total de 18.523 barreiras transversais, é dicir, que atravesan de lado a lado o curso dos ríos. Delas, na demarcación territorial de Miño Sil hai nada menos que 2.730 (o 14,73 %) --Galicia-Costa non arroxa datos neste informe pois é titularidade de Augas de Galicia, dependente da Xunta--. Sería a terceira franxa sobre a que hai datos máis obstaculizada, por detrás da do Duero (4.551 barreiras) e da do Ebro (3.300).

Un estudo da World Wide Fund for Nature (WWF), realizado sobre os ríos de toda Europa, concluiu que actualmente poderían liberarse uns 50.000 kilómetros de cursos de ríos no continente, dos cales 17.000, máis da terceira parte, se atopan en España.

ATA CATRO ESPECIES VEXETAIS EN SERIO RISCO DE DESAPARICIÓN

E igual de perigosas que as barreiras transversais son as lonxitudinais, ou laterais, é dicir, aquelas que se crean nas marxes dos ríos para tratar de impedir o seu desbordamento. Xeralmente trátase de muros ou tubaxes que taponan a chegada da auga procedente da sobresubida das mareas cando chove abundantemente ou cando chegan as mareas de agosto.

Estas barreiras non só impiden que o río cambie o seu curso adaptándose ás modificacións do terreo ou temporais, senón que tamén impiden o desenvolvemento de especies vexetais típicas das marxes dos ríos, que se ven desprovistas de auga. De feito, nos casos tanto de Galicia-Costa como de Miño-Sil hai certas plantas e árbores que se atopan realmente ameazadas dende fai anos, en perigo de desaparición.

No caso da conca de Galicia-Costa estas especies son as alisedas oceánicas (ameneiros) e os bosques de Vega. As primeiras veñen a ser árbores de tipo caducifolio (os típicos da nosa zona) que nalgúns casos poden chegar a superar o 100 anos de vida e os 30 metros de altura. E máis aló de darnos sombra á beira do río durante o verán, tamén axudan ao río a regular a temperatura da auga. Sen eles, o quencemento sería unha realidade.

Ao igual que sen os bosques de Vega, de tipo galería, que se dispersas nas marxes dos cursos fluviais e quebran as zonas inundables, porque absorben o exceso de auga do chan. Sen eles, as chuvias abundantes que se están rexistrando cada vez con máis frecuencia levarán a desbordamentos continuos. E é que a propia natureza xa ten as súas barreiras naturais contra estas catástrofes, as humanas só as alteran.

No caso da conca de Miño-Sil, as especies seriamente ameazadas veñen a ser as mesmas, máis a elas súmanse as alisedas continentais (alisos), árbores de tronco recto e robusto, copa redonda e ampla para aportar frescor á superficie que crece baixo eles; e as saucedas cantábricas (sauces), árbores de cortiza grisácea, con copa tamén ampla e, como é lóxico, follas caducifolias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Nom estám contaminados, nom polos cuidos, senom porque nom há industria e temos que emigrar para viver.