Un novo tramo da autovía Santiago-A Estrada comezará a xestarse na primeira metade de 2023

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2022 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A Xunta comezará a inicios do próximo ano as expropiacións dun novo tramo da autovía Santiago-A Estrada, o que vai dende A Ramallosa ata Pontevea, en Teo, que o Goberno galego prevé licitar na primeira metade de 2023.

Así o explicou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, despois de que o Consello da Xunta aprobase este mércores o expediente de información pública dun novo tramo desta autovía, 7,5 quilómetros entre A Ramallosa, en Teo, e a ligazón coa PO-841 no Rolo (A Estrada).

O investimento total para ampliar esta vía superará os 60 millóns de euros, dixo Rueda, que destacou que as obras se dividirán en dúas fases: un subtramo entre A Ramallosa e Pontevea e outro entre Pontevea e O Rolo. O Consello autorizou este mércores a posta en información pública do tramo total e aprobou o trazado do primeiro dos subtramos, que é o que se licitará no primeiros seis meses do próximo ano.

O investimento neste subtramo superará os 33,2 millóns de euros, incluíndo os fondos necesarios para pagar os 291 predios necesarios para impulsar as obras. A intervención abarca 3,5 quilómetros con dúas ligazóns (a adecuación do actual na Ramallosa e a construción dun novo na zona final), así como un viaduto en Santa Lucía, tres pasos inferiores e dous pasos superiores.

RÍO ANLLÓNS EN CARBALLO

Por outra banda, o Consello da Xunta autorizou este mércores a adenda do convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para materializar as obras para reducir o risco de inundacións no río Anllóns ao seu paso polo municipio, que duplica o investimento autonómico, ata os 6,3 millóns.

O Executivo autonómico impulsa así os proxectos construtivos e a execución das obras identificadas como prioritarias no plan de xestión da área de risco potencial de inundación do río Anllóns. Para iso, á partida inicial de 3 millóns súmanse outros 3,3, e amplíase a vixencia do convenio ata decembro de 2024.

En relación a esta área, a Xunta lembrou que o Goberno galego ten contratadas as obras do by-pass no río Anllóns, na zona de Muíño do Quinto, e as de execución da remodelación integral do Parque de San Martiño.

Autovía entre Santiago e A Estrada
Autovía entre Santiago e A Estrada | Fonte: Adega

DEPURADORA DE AUGAS DE NOIA

Por outra banda, a Xunta colaborará co Concello de Noia (A Coruña) para mellorar a estación depuradora de augas residuais, cun investimento autonómico de case tres millóns de euros, tal e como autorizou o Consello da Xunta na súa reunión desta semana.

As actuacións teñen como finalidade resolver as deficiencias de funcionamento e de capacidade desta instalación municipal e mellorar o saneamento da ría de Noia. Augas de Galicia asumirá íntegramente o financiamento da obra e levará a cabo a contratación e execución, así como a súa dirección e xestión. Pola súa banda, o Concello asumirá a obra unha vez finalice, así como a obrigación da súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta