Os activistas '19 de Meirás' celebran que "cinco anos despois terminase esta inxustiza", tras o arquivo da causa

Pediron que o pazo sexa transferido á Administración galega e que o destino do mesmo sexa honrar a memoria democrática do pobo galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2022 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O grupo de activistas denominado '19 de Meirás' celebrou que a Sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña confirmase o arquivo da denuncia presentada pola Fundación Franco e outros familiares do ditador contra eles, que despregaron pancartas nunha protesta no ano 2017 na que pedían a recuperación para a titularidade pública do pazo situado en Sada.

Nun comunicado, os activistas absoltos mostraron o seu "enorme orgullo" coa acción desenvolvida aquel 30 de agosto, "sen dúbida fundamental para que se avanzase na recuperación do pazo de Meirás para o pobo galego". Así, cualificaron como unha "vitoria do pobo galego" o arquivo desta causa. "Os Franco perderon a batalla social, a legal e agora, por fin, tamén a xudicial", engadiron.

Por todo iso, os activistas agradeceron "todos os apoios recibidos" ata que "máis de cinco anos despois terminase esta inxustiza". "Sen dúbida este arquivo definitivo é unha mala noticia para o Franco, a Fundación Franco e os franquistas. Tentaron amedrentarnos e calarnos, pero non puideron connosco. Tentaron todo para meternos no cárcere e facer caixa cunha multa de medio millón. O triste é que quen tiña que estar no banco dos acusados non eramos nós, senón os que seguen facendo enaltecemento da ditadura militar e humillación ás vítimas", reivindicaron.

Tras esta decisión, os '19 de Meirás' pediron que o pazo sexa transferido á Administración galega e que o destino do mesmo sexa honrar a memoria democrática do pobo galego.

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta