O BNG di que hai que aplicar o novo delito de malversación ao "procés catalán" pero non aos condenados da Gürtel

O Goberno porá fin ao delito de sedición para tipificar o delito de "enriquecemento ilícito. Calviño, sobre a loita contra a corrupción: "Non podemos dar un paso atrás"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2022 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, teme que o novo delito de enriquecemento ilícito proposto polo PSOE ou a reforma do de malversación leve que os xuíces interpreten "torticeramente" o Código Penal, "como ocorreu coa lei de 'só si é si'", e acabe beneficiando a condenados ou procesados por corrupción.

Así respondeu ao ser preguntado --ao concluír un acto en Santiago-- pola proposta rexistrada polos socialistas a través de emendas á propia reforma do Código Penal que eliminará o delito de sedición. En paralelo, ERC presentou as súas propias emendas para crear un novo tipo dentro da malversación que rebaixe as penas --a entre seis meses e tres anos de cárcere-- para quen a cometa pero sen ánimo de lucro persoal.

Respecto diso, Rego deixou claro que o BNG non fará valoracións "sen estudar ben" as iniciativas, pero si criticou que se fixo a través de emendas. "Non é o proceso máis democrático, porque impide que o resto de forzas políticas podamos emendar unha emenda", explicou.

Sobre a postura do Bloque ante estas reformas, insistiu en que cabería unha "interpretación torticera" por parte dos tribunais, de forma parecida como a lei do 'só si é si', que podería ter "o efecto de sacar do cárcere a persoas condenadas por corrupción". Neste sentido, manifestou as súas reticencias a que "poidan beneficiarse desa modificación" persoas implicadas na trama 'Gürtel' ou o expresidente andaluz José Antonio Griñán, condenado polo caso dos ERE.

Iso si, Néstor Rego quixo diferenciar estes exemplos cos procesados e condenados polo 'procés' catalán, onde "non houbo corrupción no sentido de que non houbo ningún tipo de enriquecemento persoal". "Cataluña é diferente, porque foi a actuación dunha administración pública nun obxectivo político que o Goberno catalán asumía como propio e que, dentro do noso punto de vista, é perfectamente lexítimo", explicou o representante do BNG no Congreso.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

LOITA CONTRA A CORRUPCIÓN

Pola súa banda, a vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, destacou que o Goberno central está "claramente comprometido" coa loita contra a corrupción. "É un ámbito no que non podemos dar nin un paso atrás e a liña vermella coa que temos que traballar".

Así o manifestou a preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa celebrada este venres na Coruña sobre a súa valoración respecto das emendas ao texto da reforma do Código Penal presentadas por ERC para modificar tamén o delito de malversación para evitar que se use con "finalidade política e arbitraria contra o independentismo" que propón rebaixar as penas se non hai enriquecemento persoal ou de terceiros. "Todo isto é especulación", subliñou.

Cuestionada sobre a intención do PSOE de aproveitar a reforma do Código Penal que porá fin ao delito de sedición para tipificar o delito de "enriquecemento ilícito", a ministra insistiu en que "o importante" é o compromiso do Goberno coa loita contra a corrupción.

Esta medida castigará con entre seis meses e tres anos de cárcere e con inhabilitación entre dúas e sete anos aos cargos públicos que ata cinco anos despois de abandonar o seu posto incrementen o seu patrimonio en máis de 250.000 euros e non o poidan xustificar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta