Santiago premiará con 2.000 euros as mellores decoracións do Nadal de escaparates e con 500 as das vivendas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2022 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou este venres a convocatoria dos "tradicionais" premios para a decoración do Nadal dos escaparates, aos que este ano se unen, como novidade, os galardóns para decoración das vivendas particulares.

Así, Bugallo detallou, en rolda de prensa, que o certame dos escaparates terá unha contía total de 6.950 euros que será repartida en seis premios.

Desta forma, os galardóns serán de 2.000 euros para o primeiro premio; 1.500 euros para o segundo; 1.200 euros para o terceiro; 1.000 euros para o cuarto; 750 euros para o quinto e 500 euros para o sexto. No que se refire ao das vivendas, serán catro premios de 500 euros cada un.

O que se medirá e deberase garantir é que a decoración funcione entre o 22 de decembro e o 6 de xaneiro. Tanto os veciños como os establecementos que queiran participar téñense que pór en contacto co Concello.

"Iráselle a ver o escaparate, designarase un xurado formado por seis persoas que irán ver tanto as vivendas como os escaparates", explicou Bugallo.

Ademais, apuntou que na tarde deste venres irá ver aos veciños do Castiñeiriño que foron os que comezaron "esa competencia entre eles" para decorar a fachada das vivendas.

"Paréceme unha iniciativa fantástica e espero que moitos máis veciños de Santiago sigan ese camiño e se cadra para o ano que vén hai que facer unha convocatoria máis ampla", incidiu o alcalde.

A preguntas dos medios sobre se este concurso é contraditorio ás medidas de aforro enerxético, o alcalde sinalou que "a vida está chea de contradicións" e que "levantar o ánimo da poboación é unha tarefa moi positiva para superar estes dous anos de pandemia".

"En todo caso, non me parece que isto sexa un tema que vaia a xerar unha crise enerxética", sentenciou Bugallo.

PONTE E BONOS CORAZÓN

Noutra orde de cousas, Bugallo fixo balance, tanto a nivel persoal como estatístico, de como vai a ponte en termos turísticos na capital galega.

O alcalde remarcou que cre que Santiago "estivo cheo de xente" tanto no fin de semana como ao longo da semana. Así, explicou a propia visión persoal, xa que Bugallo atopouse tanto con aparcadoiros como con establecementos hostaleiros cheos.

Ademais, exemplificou este fenómeno co dato "moi significativo" dos bonos Corazón, os cales xa se descargaron todos os que había dispoñibles e esgotouse a retirada dos máis de tres millóns de euros dispoñibles.

Así as cousas, o dato deste venres pola mañá, segundo expuxo Bugallo, é que levaban consumidos 2.430,301 euros. "Isto quere dicir que estando o comercio aberto, unicamente dous días, o luns e o mércores, consumíronse 900.000 euros en dous días que me parece unha cifra francamente extraordinaria", subliñou.

Finalmente, lembrou que o prazo para consumilos é ata o 31 de decembro e expuxo a satisfacción dalgúns comerciantes polo "extraordinario funcionamento dos bonos".

Luces de Nadal en Santiago de Compostela
Luces de Nadal en Santiago de Compostela | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta