Josefina Maestu, nova presidenta da Federación Galega de Montañismo: "É difícil para as mulleres, sendo nai non podes permitirte unha escordadura"

Este domingo celébrase o Día Mundial das Montañas

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/12/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O montañismo está de moda. Trátase dunha práctica deportiva en auxe e Galicia constitúe un paraxe ideal para ela, con amplas montañas de granito e rocódromos que abren por toda a Comunidade. E, ademais, a día de hoxe cada vez é un deporte máis igualitario, como proba o feito de que a nova presidenta da Federación Galega de Montañismo é unha muller: Josefina Maestu.

Josefina Maestu
Josefina Maestu | Fonte: Cedida

Josefina comezou a sentirse atraída polo montañismo aos 16 anos, ben xoven, en Vigo. Fora á Casa da Xuventude a coller información sobre un colectivo vinculado á montaña que facía saídas aos Ancares e outras zonas de altitude galegas. "Así empecei", recorda nunha conversa con Galicia Confidencial, asegurando que o seu campo de probas particular foi o Monte Galiñeiro.

Apaixoada tamén polo atletismo, ía alí a correr, ou a montar en bici, e nas pontes ou durante os veráns xa aproveitaba para facer de monitora. Chegada a etapa universitaria, como non podía ser doutro xeito, decidiuse pola carreira de INEF, e "seguía en conexión co ámbito do montañismo", recoñece, pois ía a competicións de escalada de todo tipo.

"O montañismo é unha verdadeira forma de vida", afirma Josefina, que confesa que mentres o resto da xente está desexando que chegue unha ponte ou as vacacións para saír de casa e irse de viaxe, "eu sempre enfoco o tempo libre a ir a escalar, a facer montañismo". Tanto que xa dende pequeniños, aos seus fillos, lles inculcou esta verdadeira vocación.

"O montañismo é unha verdadeira forma de vida"

Josefina Maestu
Josefina Maestu | Fonte: Cedida

"Cos nenos recén nacidos xa iamos por aí a escalar, e eles tamén escalan a día de hoxe, sempre estiveron comigo facendo montañismo", amósase orgullosa. A súa relación cos pequenos tamén é vocacional, pois dende 2017 foi técnica da Federación e implicouse no deseño dun programa de tecnificación da escalada.

De técnica pasou a vogal, de vogal a membro da asamblea en subcomisión delegada... Pouco a pouco foi subindo postos e, ao mesmo tempo, "vendo cousas que non se estaban a levar como eu cría que se deberían levar, e que podían mellorarse". Foi así como cando se plantexaron novas eleccións, ofrecéronlle presentarse e, aínda que durante bastante tempo se mostrou reticente, rematou por aceptar, pois "alguen tiña que facelo". 

UN DEPORTE NO QUE SEMPRE HOUBO MÁIS HOMES QUE MULLERES

Ser presidenta sendo muller, tal e como recoñece Josefina, pode ser complicado ás veces. "Ás mulleres cóstanos máis, porque na meirande parte dos casos temos unha vida con nenos, traballo, actividades... que debemos compaxinar". Por iso, neste deporte, sempre houbo máis homes que mulleres.

En opinión desta deportista, "costa moito atopar mulleres, mesmo agora que as estaba a buscar para formar parte da xunta directiva", porque "aínda que coñeces a mulleres moi válidas, que poden aportar moito, cando llelo ofreces dinche que non dan para máis, pois teñen traballo, casa, nenos aos que atender, moitas son deportistas, membros de clubes... E non dan para máis", afirma.

Por sorte, Josefina é persuasiva e tirando e tirando logrou convencer a algunhas para formar parte da xunta directiva. "Ao comezo dalles ata vértigo, pero estamos aquí para axudalas", anímaas.

NA ESCALADA SEMPRE DEPENDES DOUTRA PERSOA QUE CHE TEN QUE ASEGURAR

Xa dende o punto de vista exclusivamente técnico, ao ser un deporte que require de forza, tamén moitas veces se ten asimilado só aos homes. E Josefina cre que isto sucede porque "a escalada é un deporte no que dependes doutra persoa que che ten que asegurar, e nalgúns rocódromos (agora xa non pasa tanto) vías que as chicas que ían escalar pasaban moito tempo coa mesma persoa, e era raro que esa persoa non rematase por ser o seu mozo".

E é que "ao final créase unha sintonía co compañeiro e unha afinidade que facía que en moitos casos os rapaces rematasen por pedirlle saír ás rapazas, e despois se se rompía a relación xa non tiñan con quen ir a escalar". Por fortuna os tempos cambian e, na actualidade, "nos rocódromos hai outro tipo de relacións, os clubes mézclanse, todos se coñecen e entablan amizade, etc.".

Ademais, aínda que se considere un deporte moi físico, o certo é que hai diferentes grados e pódese escoller un ou outro en función dos desexos e necesidades de cada quen. "Podes escalar en oitavo grao, ou en séptimo ou en menos, eu por exemplo agora desfruto escalando a pouco grado, estando en zona de confort, porque mo paso moi ben e, ademais, ser nai cambioume o chip: agora non me podo permitir nin torcer un xeonllo ou ter unha escordadura, porque senón a ver quen leva aos nenos ao colexio e ás actividades, sendo nai solteira", avisa.

Así mesmo, recomenda que a xente que se decida a practicar escalada o faga sin correr riscos, "sendo coñecedora dunha serie de lexislación, das cousas que non poden facer, que pregunten se teñen dúbidas, que se asesoren, para iso estamos nós aquí, antes de meterte en nada sempre é mellor que sepas a que te vas enfrontar".

COMPETICIÓN DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE VELOCIDADE

Dentro da súa longa traxectoria no mundo do montañismo, o que máis lle encheu como profesional foi a última competición do campionato de España de velocidade, dentro do programa de tecnificación, do que se trouxeron ela e o seu equipo para Galicia nada menos que trece medallas. "Reconfortounos moitísimo", afirma a presidenta da Federación Galega de Montañismo.

Actualmente, tanto a súa filla como o seu fillo compiten tamén na disciplina de velocidade. Ela é campeona de España en escalada infantil e el acadou a sexta posición a nivel nacional. "Póñome no lugar deles, porque eu tamén competía, o que para eles significa ir cunha selección, o antes e o despois da competición...", emociónase.

Josefina Maestu cos seus dous fillos
Josefina Maestu cos seus dous fillos | Fonte: Cedida
Josefina Maestu coa súa filla, campiona de escalada infantil e o seu fillo, sexto de España de escalada de velocidade, xunto a Erik Noya, subcampeón do mundo de escalada de velocidade, que ten ficha no Clube de Montaña Coruña
Josefina Maestu coa súa filla, campiona de escalada infantil e o seu fillo, sexto de España de escalada de velocidade, xunto a Erik Noya, subcampeón do mundo de escalada de velocidade, que ten ficha no Clube de Montaña Coruña | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta