O suicidio colectivo do xornalismo

Os grandes medios do país están sufrindo unha fonda crise. Concurso de acreedores, peche de edicións, despidos, ERE’s. Un proceso lento no que algúns xornais estanse convertendo en reality shows en papel no que a información é entretemento e a investigación e a interpretación da realidade case non existen. Félix Soria, ex veterano xornalista de La Voz de Galicia, escribe neste artigo sobre o futuro do xornalismo.

Por Félix Soria | A Coruña | 18/11/2014 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O panorama da prensa é inquietante. Peor aínda, pois hai “expertos” que agochan a verdade e din que todo empezou en outono de 2007, co primeiro estalido da crise financeira. Logo, equivócanse? Non, é peor: insisten nesa tese porque queren tapar incompetencias, comodidades e intereses.

Redacción dun xornal
Redacción dun xornal | Fonte: Adobe

O declive dos xornais iniciouse moito antes do estalido das “subprime”. O suicidio dos xornais xa comenzara cando o ladrillo era o motor do suposto crecemento económico. O engano das burbullas foi universal. Nos Estados Unidos, desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2007 pecharon 140 diarios. Ese terremoto chegou a Europa cun par de anos de atraso, no 2002-2003, pero a principios da primeira década do XXI xa se iniciara a caída das vendas, que en termos globais non rematou aínda. Hai diarios que lograron deter a sangría, certo, pero son as excepcións.

En Galicia o fenómeno tamén era notorio moito antes do inicio da recesión. En 2002-2003 xa era evidente que a prensa perdía clientes, pero mesmo a empresa editora máis “grande” (Grupo Voz) pechou os ollos.

En 2009, cando a crise financeira que estalou en outono de 2007 xa levaba dous anos deteriorando a economía real, as editoras recoñeceran que a situación era excepcional e reaccionaron, pero non o fixeron para facer fronte á perda de lectores-compradores, senón só para paliar a forte redución da facturación por publicidade.

É dicir, case todos os “expertos” dos xornais seguían sen detectar ou sen admitir que o primeiro problema e o que máis efectos tiña e ten no curto e medio prazo non é a perda de publicidade, senón a fin do modelo.

Sen dúbida, houbo e hai administradores e sobre todo responsables de redacción conscientes de que o papel perdía e segue a perder clientes polos defectos, vicios e perversións adquiridas no eido dos criterios informativos. A deterioración iniciárase durante os últimos anos noventa e moitos sabíano, mais a maioría deles calaron. Pasan os anos e aínda hoxe hai administradores, executivos, xefes de redacción e directores que seguen aferrados á tese de que todo, absolutamente todo, é culpa dos recurtes publicitarios e da Rede. Minten.

Os xornais, queiran ou non recoñecelo, non se deixan de vender porque teñan pouca publicidade, nin só porque navegar por internet sexa gratis (cousa por outra banda que non é verdade). Os xornais están a perder lectores-compradores porque como dixo Heráclito, “panta rei” (todo flúe), agás a cobiza e a comodidade, que son as mesmas de sempre.

Á marxe dos cambios tecnolóxicos e da recesión, os xornais se veden menos por motivos subxectivos ben coñecidos e que teñen solución.

1. O mito do servizo e do entretemento

Coa cantilena de que o xornal non só é “un medio de información”, senón tamén un servizo (un xeito de “dazibao” cheo de avisos) e tamén unha forma de pasar o tempo, a porcentaxe de simplezas, “tomate” e parvadas foi en aumento ata o extremo de que nalgunhas ofertas hai máis entretemento que textos con contidos informativos ou de análise, sexan de actualidade ou de historia, de ciencia ou doutras disciplinas e saberes.

Moitos contidos carecen de interese para os compradores, excluídos sempre os lectores de bar e os que mercan o xornal pola promoción ou o agasallo.

Por riba, as audiencias gañaron creto a pesar de que só serven de consolo, pois carece de racionalidade cunha empresa celebre que 10.000, 20.000 ou 30.000 persoas desfruten gratuitamente do seu produto. Semellante absurdo é propio de empresarios e directivos parvos, ou ben de quen está máis pendente do “prestixio” (¿?), das relacións socio-políticas que da viabilidade da súa actividade e negocio.

Din que a publicidade depende da audiencia, non das vendas… Ese criterio é outra herdanza dun pasado feliz. O certo é que hai tempo que os xornais deixaron de ser plataformas publicitarias rendibles, agás cando as insercións son dunha páxina ou se cobra (como se está a facer) por publicar reportaxes propagandísticas camufladas de información (outra perversión).

É posible, compre perguntar, que os “expertos” da prensa teñan o convencimento de que existindo TV, radio e internet o xornal é un produto de masas?, pretenden gañar clientes tomando o pelo ao 10 ou 15% da poboación, non é máis!, disposta a pagar por información elaborada, coñecementos, contextualizacións, análise, datos?

Hai que entreter!, está ben, pero con intelixencia, non competindo coa TV e internet, nin enchendo páxinas cun sorriso. Eses xa non son nin serán os clientes dun xornal. Hoxe, coa TV e internet, Hearst morrería de fame.   

2. A credibilidade pérdese a modiño, pero non se recupera 

Os diarios tamén perden clientes porque numerosos xornalistas dilapidan a súa credibilidade, sexa por comodidade, falla de formación (práctica) ou ben por interese. Hai casos nos que perden credibilidade a cambio de gañar outras cousas, e o fan sen escrúpulos, convencidos de que nunha cidade como A Coruña, por exemplo, a corrupción informativa se pode manter no subsolo.

Eses xornalistas non só desprestixian gravemente ao conxunto dos profesionais, mesmo coa complicidade de entidades do sector que promocionan gabinetes de prensa e aos “dircom” do clan; eses que non teñen escrúpulos tamén están a afundir o xornal.

Os textos de xornalistas que defenden intereses económicos alleos á editora ou unha opción política concreta van en aumento dende finais dos noventa. Sempre houbo profesionais da información que ofrecen os seus servizos, pero tralo inicio da recesión aumentaron e por riba baixaron de prezo grazas ao mileurismo.

Esa perversión, sexa para facer publicidade política ou comercial, mesmo é cultivada pola empresa con premios económicos (salariais), con ascensos ou con adulacións sen conto; desta tarefa se encargan os executivos da editora, que conservan os ingresos da boa época, ou millores, ou ben están “comisionados” polas entidades financeiras propietarias de accións ou que conceden créditos e liquidez á sociedade ou ao empresario (un dos traballos de investigación xornalística máis interesantes e só parcialmente executado consiste en recoller datos sobre a relación entre hipotecas, cretos persoais, empregos á familiares e favores varios co número de páxinas de xornal adicadas á Caixa Galicia, por exemplo, ou a Pescanova, Minas, Vendex, Pemex, etcétera).

Sen esquecer as subvencións do poder político, nin tampouco a infantil propensión de certos xornalistas a formar parte da élite social e do poder político. De feito, hai algún xornal no que xa se acepta como algo natural a existencia de profesionais aliñados cun partido ou cunha institución pública e peor aínda, permíteselles que controlen información do seu interese e que a traten ao gusto, reducindo ou aumentando espazo e cualificativos.

3. Os lectores de prensa constitúen unha minoría social 

Os "expertos" da prensa que só ven o que queren ver parece que se decataron hai catro días de que as ofertas de información gratuíta (radio, TV, internet) atraen a unha elevada porcentaxe de potenciais clientes. A principal causa desa migración é obvia: economizar, pero precisamente por iso o xornal non pode ser o bis do que esa clientela potencial xa viu, lido ou escoitado en internet ou en emisoras de radio e TV. Máis claro: a gratuidade ou abaratamento do acceso á información obriga a remodelar o produto, melloralo.

Neste sentido convén poñer atención a un detalle: Cada vez hai máis persoas interesadas en pagar por información elaborada, o que favorece a quen complemente e contextualice a actualidade. Para cubrir esta demanda o xornal constitúe unha opción moi válida, mais traballar a información é imposible sen experiencia, sen "axenda", sen memoria e sen arquivos vitais (incluídos os coñecementos).

Nembargantes, se fixo o contrario. Liquidáronse os arquivos vitais, entre outros activos que teñen sangue, de xeito que a porcentaxe dos textos que complementan e contextualizan feitos, os que xeran clientela fiel, fóronse reducindo ao mesmo ritmo que aumentaban os entrecomillados na información política, as chamadas reportaxes humanas, o "tomate" e a reprodución de opinións e ocorrencias carentes de atractivo para o comprador de xornais, que na súa inmensa maioría non está disposto a pagar por ler Nada.

Algún editor, xestor económico ou responsable de redacción cre realmente que os compradores de prensa están dispostos a ler simplezas e o que xa saben?, alguén cre realmente que os contidos “sálvame” captan compradores ou garanten fidelidades?

Sen dúbida, a recesión e a caída da publicidade esixen medidas específicas. Pero os xornais que superen a recesión económica seguirán sen ter garantida a súa existencia se non afrontan o reto de ser xornais para lectores!, non para telespectadores. E con versión dixital, por suposto, pero non de balde!

É dicir, trátase de dar alimento aos que pensan, que son os lectores de futuro, o cal esixe que o xornal sexa moito máis que o bis do que o cliente xa coñeceu sen pagar, e moito máis que un soporte para o entretemento. Os “reality” imprimidos, por moi rechamantes que sexan, xamais poderán competir coas imaxes de TV nin coa vasta oferta de ocio e “tomate” que ofrece internet.

O comprador de xornais é un cidadán singular, forma parte dunha minoría social que poucos xestores de xornais están a considerar.

É probable, ninguén o sabe, que a prensa como tal careza de espazo no mundo da información en 2040 (como xa din varios estudos), pero hoxe xa está demostrado que os xornais que ofrecen o xa sabido e simple entretemento están condenados a penar e morrer ao paso duns anos, catro, cinco… Os concursos de acreedores e o peche das edicións en papel xa son habituais en toda Europa.

Se as conexións á Rede axeitadas foran unha posibilidade real e xeralizada na xeografía galega cun prezo só un 25 % máis baixo, quen mercaría un xornal sen contidos de interese e cheo de propaganda política e comercial?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Undaki

Bo artigo

1 Luis V.

Moi bo artigo Félix. Sempre tan lúcido. É un pracer lerte neste medio.