O BNG propón unha plataforma galega de vendas 'en liña' para loitar contra Amazon

Pontón sinala a "falta de apoio" da Xunta ao comercio local.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2022 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O BNG aproveitou a proximidade das datas do Nadal para relanzar a súa campaña 'Mellor local. Mellor galego', a favor do comercio de proximidade e por unha nova lei que protexa ao sector e inclúa unha moratoria á implantación das grandes superficies en Galicia.

A encargada de presentar a iniciativa foi a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, quen visitou a libraría Kómic, que leva 35 anos aberta en Santiago, acompañada da portavoz municipal e candidata do Bloque á Alcaldía compostelá, Goretti Sanmartín, e da deputada autonómica María do Carme González.

Pontón escolleu este establecemento por ser un símbolo de "comercio singular", de "calidade", de "asesoramento especializado" á clientela e dun "dinamismo económico" sen o cal "non se entenderían" as cidades e as vilas galegas.

Precisamente, para loitar contra as escenas de "rúas baleiras con persianas baixadas" en Galicia, a líder do BNG insistiu na necesidade desa nova lei que apoie a singularidade do comercio local e protéxao " fronte ás grandes superficies" e ante a "falta dunha política de apoio real" que observa por parte da Xunta.

Neste sentido, Pontón volveu a propor unha moratoria a estas empresas en Galicia, "porque é un modelo que ten problemas tanto desde o punto de vista da trama urbana como do apoio ao comercio local". En paralelo, ve necesario articular un "plan integral plurianual" que planifique, "en diálogo co sector", as medidas para a súa protección, consolidación e ampliación.

SANTIAGO, CAPITAL "DO COMERCIO"

Máis en clave local, a portavoz municipal do BNG destacou a importancia do comercio en Santiago, que quixo exemplificar precisamente na "simbólica" libraría Kómic: "É un comercio de moita calidade, especializado, atractivo".

Goretti Sanmartín advertiu que Compostela "non pode ser única e exclusivamente capital do turismo", senón tamén "do comercio". Por iso, o BNG propón "políticas de rexeneración urbana" a través dun incremento do orzamento do Consorcio de Santiago para facer fronte á "proliferación de baixos baleiros, que ofrecen unha imaxe urbana degradada, limitan a economía e provocan problemas de seguridade".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, e a deputada autonómica María do Carme González, presentan a campaña 'Mellor local. Mellor galego'.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, e a deputada autonómica María do Carme González, presentan a campaña 'Mellor local. Mellor galego'. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta