Un 38 % máis de choivas dende outubro na conca hidrográfica Miño-Sil

A Confederación asegura que estamos ante "un inicio de ano hidrolóxico húmido"

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/12/2022 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

A Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) celebrou a XI Reunión da Mesa Técnica da Seca, constituída o pasado mes de febreiro, tras a que destacou que a precipitación media acumulada desde o 1 de outubro ata o 30 de novembro foi de 390,5 litros por metro cadrado, un 38 % por riba da media, polo que consideran que estamos ante "un inicio de ano hidrolóxico húmido".

Así, detallou que os encoros da demarcación atópanse ao 53,59 % da súa capacidade, un 4,39 % por baixo da media histórica e un 7,44 % máis que o pasado ano. Do mesmo xeito, os caudais circulantes están un 30 % por baixo dos habituais.

Nunha nota de prensa, a Confederación explicou que se se analizan as precipitacións medias acumuladas rexistradas nos últimos doce meses, continúan por baixo da media, concretamente un 18 %. No caso da conca do Sil, un 28 %, mentres que no Baixo Miño, un 8 %.

"Estes datos evidencian a mellora en todas as Unidades Territoriais polas intensas choivas de outubro e novembro; neste senso, a situación é de normalidade en todo o territorio, fóra dos Sistemas do Miño Alto e A Limia, aínda que en ambos os casos o escenario está próximo á normalidade, que se espera acadar por completo a final do mes de decembro" sinalou o presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga.

A CHMS estima que entre decembro e febreiro prodúzanse precipitacións dentro das habituais, algo que asegura levaría á normalidade, de forma progresiva, a todo o territorio da Demarcación do Miño-Sil.

De cumprirse esta previsión, engadiu, a situación será de normalidade en relación coa escaseza en todo o territorio a final do mes de decembro de 2021 e en relación coa seca prolongada a final do mes de xaneiro de 2022.

Con todo, a institución insistiu na obrigación de levar a cabo un uso sustentable da auga e instou á administración local (autoridade competente no abastecemento de auga) a realizar as melloras necesarias para evitar perdas e fugas nas redes para tratar de evitar que se repitan os problemas de restricións ocorridos o pasado verán nalgúns núcleos de poboación.

Vista xeral do río que pasa pola aldea de San Xiao, situada na Ribeira Sacra
Vista xeral do río que pasa pola aldea de San Xiao, situada na Ribeira Sacra | Fonte: Arquivo E.P.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta