Santa Comba ampliará en 20 prazas a súa escola infantil, ata chegar aos 80 meniños

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 12/12/2022 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este luns a escola infantil municipal de Santa Comba, onde sinalou que a Xunta concederá máis de 210.000 euros a este Concello para a ampliación deste centro en 20 prazas. Isto suporá incrementar nun 25 % a oferta destas instalacións de atención a nenos de 0 a 3 anos, ata un total de 80.

A conselleira lembrou que o Goberno galego aposta por "un rural vivo, con recursos e no as familias poidan conciliar a súa vida laboral e familiar" do mesmo xeito que nunha cidade. Para perseguir este obxectivo, destacou o impulso de medidas como a gratuidade de todas as escolas infantís independentemente da súa titularidade, que beneficia a 31.000 familias galegas e ás que a Xunta destina 55 millóns de euros ao ano.

A través desta orde de axudas, o Goberno galego facilita a creación de prazas en escolas infantís de titularidade municipal. Fabiola García apuntou que son unha vintena os concellos que se están beneficiando desta medida, o que suporá 450 prazas de nova creación en toda Galicia e a ampliación de recursos de atención 0-3 anos.

Así mesmo, a Xunta segue achegando os servizos a todos os municipios galegos a través das 95 casas niño que impulsa naqueles concellos sen escola infantil, das máis de 100 casas do maior que permiten atención diúrna a persoas maiores que viven en lugares pouco poboados ou o programa 'Coidados porta a porta', que leva servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria por toda Galicia.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita a escola infantil de Santa Comba
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita a escola infantil de Santa Comba | Fonte: Pepe Ferrín

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta