Oito proxectos ligados ao sector comercial potenciarán tres urbes, tres entornos rurais y dous destinos turísticos

A resolución provisional das axudas do Goberno enmárcase dentro do Plan de Recuperación

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2022 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou este luns o "estímulo do Plan de Recuperación do Goberno á competitividade do sector comercial galego" que supón oito proxectos subvencionados con 7,67 millóns de euros, segundo a resolución provisional da segunda convocatoria das liñas de axudas ao sector comercial.

Nun comunicado, a Delegación do Goberno indicou que con estas axudas "apóiase ás pemes e os autónomos que conforman o sector comercial en Galicia e potencia a súa transformación dixital e sustentable".

A resolución provisional das axudas de Comercio financia en Galicia tres mercados urbanos sustentables (2.192.652 euros), tres mercados rurais sustentables (1.211.600,80 euros) e dúas zonas de afluencia turística (2.603.818,40 euros).

Estas subvencións enmárcanse dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos fondos Next Generation EU. Estes contemplan unha dotación global de 415 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023 para favorecer e impulsar a competitividade do pequeno comercio.

MERCADOS URBANOS SUSTENTABLES

Na provincia de Pontevedra, o Concello de Tui recibe 1.338.844 euros para a reforma e modernización do mercado municipal e a dixitalización e revitalización do comercio local.

Ademais, Tomiño disporá dunha subvención de 513.676 euros para o proxecto 'A Tenda', que busca evitar a perda do comercio de proximidade en Tomiño e na parroquia de Goian.

Así mesmo, o Concello de Ourense contará con 1.999.965 euros para activar os servizos dixitais para o tecido comercial da cidade. Entre os obxectivos están o incremento da dixitalización dos comercios e a mellora da presenza en liña e o incremento da eficiencia no consumo enerxético mediante procesos de reciclaxe e reutilización de residuo.

MERCADOS RURAIS SUSTENTABLES

Doutra banda, para o fomento dos mercados rurais sustentables, o Concello de Curtis contará cunha dotación de 237.551 euros para impulsar a competitividade, innovación e modernización do seu mercado municipal.

A Deputación de Ourense resulta beneficiaria dunha axuda de 474.077,60 euros para o proxecto 'CROu Next Generation UE: Dixital, Verde e Social', que implica ao Comercio Rural de Ourense Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e O Carballiño.

Nesta liña, a Deputación de Pontevedra terá 499.972 euros para financiar 'Da túa man', un proxecto que terá impacto en once pequenos municipios da provincia para mellorar a calidade de vida e fixar poboación.

ZONAS DE AFLUENCIA TURÍSTICA

Así mesmo, o Concello de Vigo é beneficiario de 1.911.580 euros de axuda para financiar o novo eixo comercial contorna ao centro comercial Vialia e a nova estación AVE Vigo-Urzáiz e a súa conexión coa Cidade da Xustiza.

Tamén a Deputación da Coruña disporá de 692.237 euros para o fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas da provincia, a través da cooperación intermunicipal dos Concellos de Betanzos, Pontedeume e Valdoviño.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nun mercado local
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nun mercado local | Fonte: Delegación do Goberno

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta