Multa millonaria e dous anos de cárcere para un empresario de Valdeorras por eludir pagos á Seguridade Social

O condenado deberá pagar 1,18 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 12/12/2022 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

Unha multa de 1,18 millóns de euros e dous anos de prisión foi o que aceptou un empresario da lousa da comarca de Valdeorras por eludir pagos á Seguridade Social. O acusado dedicouse a esta actividade entre os anos 2013 e 2019, nos que cometeu unha fraude que ascende a 392.805 euros á Seguridade Social ao non pagar as cotizacións dos seus traballadores, creando ata tres sociedades limitadas coas que eludía a súa responsabilidade.

Seguridade Social
Seguridade Social | Fonte: Europa Press.

O empresario recoñeceu os feitos no xuízo celebrado na Audiencia Provincial de Ourense onde se conformou cunha rebaixa da pena con respecto aos cinco anos de prisión que pedía inicialmente a Fiscalía, así como unha rebaixa da multa, posto que nun principio o Ministerio Público solicitaba o cuádruplo da cantidade defraudada, unha cifra que ascendía a 1.571.221,6 euros.

O acordo leva tamén a perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e o dereito a gozar dos beneficios ou incentivos fiscais da Seguridade Social durante oito anos.

Segundo o escrito de acusación, o modo de operación do procesado era formalizar unha nova sociedade cando se acumulaban a falta de pagamentos, desvinculándose da anterior, e transvasando o persoal con baixas e altas nas diferentes sociedades limitadas.

"A sucesión de empresas e altas e baixas sistemáticas de traballadores transvasados era o mecanismo empregado para dificultar o cobro das cotas da Seguridade Social por parte da Tesouraría Xeral", recolle o escrito da Fiscalía, que engade que o acusado eludía o pago "a pesar de detraer a contía das nóminas dos seus traballadores".

O acusado desempeñaba o cargo de administrador único, sendo o único propietario e titular en exclusiva da dirección das tres sociedades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta