Dende este martes xa non se cubrirán máis baixas de profesores ata a volta do Nadal

A CIG-Ensino denuncia que a Xunta "xa non vai cubrir" as baixas no corpo de profesorado ata 2023 e o conselleiro de Educación alega que "sempre" se emprega "o mesmo sistema", en base a criterios que "garanten" que os centros "funcionen".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2022 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino denuncia que a Xunta "xa non vai cubrir" as baixas no corpo de profesorado ata a volta das vacacións do Nadal, é dicir, o 9 de xaneiro. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, alegou que "sempre" se emprega "o mesmo sistema", en base a criterios que "garanten" que os centros "funcionen".

Na mañá deste martes, a CIG emitiu un comunicado no que advirte que, a dúas semanas de comezar as vacacións do Nadal nos colexios e institutos, "non se van a cubrir xa máis baixas" porque quedan menos de 15 días de clases. O sindicato afea que "non por repetido ano tras ano, deixa de ser grave".

Con todo, de acordo coa organización, a data deste martes (13 de decembro), unha vez a Xunta "borrou todas as baixas inferiores a 15 días", aínda hai 33 sen cubrir: 11 de Secundaria, 14 de Primaria, sete de Formación Profesional e unha en escolas oficiais de idiomas.

Entre estas ausencias están as de profesorado de 2º de Bacharelato, o que supón un "trastorno" para o alumnado que a final de curso terase que enfrontar á ABAU, tal e como explica a CIG-Ensino.

Por todo iso, o sindicato esixe que "de inmediato" a Xunta empece a chamar ao persoal substituto para cubrir todas estas vacantes que hai ata o 22 de decembro.

Precisamente, preguntado sobre este asunto pola prensa tras un acto en Santiago para asinar un convenio coas tres universidades públicas galegas, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades xustificou que "sempre é o mesmo sistema".

E é precisamente esta metodoloxía habitual, engadiu, a que permitiu dar resposta "nos momentos máis duros da pandemia" ás substitucións dos docentes. "Creo que se está facendo o que se fixo sempre. Tómanse as decisións en base a criterios que garanten que o sistema educativo funcione, non cabe a menor dúbida", sentenciou.

Clase de secundaria
Clase de secundaria | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta