A homenaxe á emigración galega en Cataluña encheu o Gran Teatre Liceu de Barcelona

A Comunidade Galega de Cataluña levou a escena o seu espectáculo “Unha Xeración. Dous Mundos” o pasado 10 de decembro. Entre as autoridades presentes no acto estaban o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.

Por Galicia Confidencial | Barcelona | 14/12/2022 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

“Unha Xeración. Dous Mundos” é unha gala de teatro musical que explica varias historias da Emigración Galega en Cataluña desde a década dos 60 e 70 ata os nosos días, unha época na que se crearon a maioría de Centros Galegos e Casas de Galicia, así como institucións sociais e empresariais, contribuíndo a construír e mellorar a nosa sociedade e a terra de acollida, Cataluña.

Un momento do espectáculo 'Unha Xeración. Dous Mundos”. Foto cedida pola organización.
Un momento do espectáculo 'Unha Xeración. Dous Mundos”. Foto cedida pola organización.

A gala do pasado 10 de decembro no Gran Teatre do Liceu contou coa presenza galega do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o subdelegado do Goberno en Cataluña, Carlos Prieto; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, José González; o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

A representación institucional catalá contou co secretario xeral de Política Lingüística da Generalitat, Francesc Xavier Vila, o primeiro tenente de alcalde de Barcelona, Jaume Collboni, e o alcalde de Badalona, Rubén Seixo, entre outros.

Alfonso Rueda destacou que os que colleron o camiño de Cataluña non só contribuíron ao desenvolvemento da súa terra de acollida, senón tamén da que deixaban atrás, de aí o “xusto recoñecemento” co que quixo sumarse a esta homenaxe.

José Tomé, pola súa banda, felicitou á organización da gala “por pensar e por sacar adiante este gran acto de homenaxe ao galeguismo en Cataluña, porque debemos reivindicar e sentirnos moi orgullosos das miles de pequenas historias persoais e familiares que, xuntas forman a gran historia dos miles de galegos que hai medio século, viñeron para asentarse aquí en Cataluña”.

Autoridades presentes. Foto: Cedida pola organización do evento.
Autoridades presentes. Foto: Cedida pola organización do evento.

'UNHA XERACIÓN. DOUS MUNDOS', O ESPECTÁCULO

A gala xurdiu por iniciativa da Casa Galega de L’Hospitalet e Xuntanza de Catalunya e converteuse nunha realidade grazas á suma de máis de vinte entidades galegas colaboradoras (Comunidade Galega de Catalunya) e ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Deputación de Barcelona, así como AEGA-CAT (Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña).

“Unha Xeración. Dous Mundos” levou ao escenario do Liceu un elenco de máis de 250 participantes, actores e músicos, que deron vida a un guión escrito por Xosé Carlos García e Manuel Prados. Os recoñecidos artistas galegos Artur Puga e Xisco Feijoó foron os directores artísticos da obra, cuxa dirección teatral e musical recaeu en Cote González e Xurxo Gándara, respectivamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta