O folclore galego foi usado polo réxime franquista para lexitimarse nunha Europa que o desprezaba

O NO-DO, noticieiro da época manipulado pola ditadura, contruiu e transmitiu unha imaxe de Galicia que distaba da realidade

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A política está máis presente nas nosas vidas do que moitas veces cremos, incluso sen ser conscientes de que determinados actos ou situacións tamén se enmarcan nun contexto político. E se iso sigue pasando a día de hoxe, que non pasaría no século pasado. De feito, durante a ditadura franquista, en España usouse un instrumento de autolexitimación moi evidente: o NO-DO, noticieiro no que se difundían exclusivamente aquelas novas que lle conviñan a Francisco Franco. 

Imaxe de mulleres co traxe típico galego no NO-DO
Imaxe de mulleres co traxe típico galego no NO-DO | Fonte: RTVE

Nese NO-DO usouse non en poucas ocasións o folclore galego con diferentes finalidades. "En determinadas décadas do réxime franquista úsase de diversos xeitos un folclore que non é patrimonio inmaterial nin oral, nin resposta a ningún tipo de patrimonio cultural en absoluto, senón que é froito dunha versión maniquea e profundamente política e propagandística usada nunhas décadas cunha función e noutras con outra", explica a Galicia Confidencial Beatriz.

"En determinadas décadas do réxime franquista úsase de diversos xeitos un folclore que non é patrimonio inmaterial nin oral, nin resposta a ningún tipo de patrimonio cultural en absoluto, senón que é froito dunha versión maniquea e profundamente política e propagandística usada nunhas décadas cunhas función e noutras con outra"

Así, o uso do folclore neste noticieiro cambia, ao igual que cambian os obxectivos que se perseguen, pois hai que ter en conta que o franquista é un periodo ditatorial moi dilatado no tempo, cunhas necesidades determinadas pero mutábeis depedendo da década. Beatriz Busto Miramontes, profesora da USC que realizou a súa tese de doutoramente sobre o tema, exporá este xoves no centro sociocultural do Ensanche de Santiago, precisamente, o folclore galego presente nas imaxes do NO-DO entre os anos 1940 e 1950.

Por falar de exemplos concretos, a profesora Busto apunta que nos anos 40 utilizouse moito o folclore coa intención de lexitimar ao poder. "Aparece en moitos actos institucionais, ao servizo do poder, por exemplo nas inauguracións de Franco cando viña a Galicia tras rematar unha ponte ou unha vía do tren, ou mesmo cando non era unha visita institucional, senón que simplemente viña de vacacións", explica, engadindo que "cando chegaba á Coruña para comezar as súas vacacións, había unha comitiva folclórica que o recibía".

Romaría creada por e para ser exposta no NO-DO
Romaría creada por e para ser exposta no NO-DO | Fonte: Arquivo NO-DO

"Cando Franco chegaba á Coruña para comezar as súas vacacións, había unha comitiva folclórica que o recibía"

Tamén durante os anos 40 se utilizou moito o folclore como embaixada diplomática no exterior. Cabe recordar que nesa época o réxime franquista pasaba por unha grave crise política despois de que a Segunda Guerra Mundial rematara mal para o ditador, ao perder a guerra o Eixo Berlín-Roma. Nese momento a comunidade internacional, como conta esta experta, vetara a España dos organismos internacionais diplomáticos, polo que o noso país quedou totalmente aillado políticamente, é dicir, non tiña diplomacia repartida a nivel internacional.

Neste contexto, "o folclore dos coros e danzas da sección feminina, moi relacionados con imaxes que se transmitían no NO-DO, serviu ao réxime para facer lexitimidade diplomática nos países nos que non se permitía a entrada da embaixada política española". "Os coros e danzas foron claramente unha embaixada política revestida de folclore", afirma Beatriz.

PRÁCTICA QUE SE ESTENDE ATA A ACTUALIDADE

Sen embargo, isto non é algo exclusivo, nin moito menos do franquismo, pois tal e como reflexiona esta experta, "hoxe en día aínda que non coa mesma estética do franquismo porque iso sería inaceptable culturalmente, síguese facendo o mesmo uso do folclore, coa intención de lexitimar ao poder". Por exemplo, agora que se achegan as elecións municipais, non será de extrañar ver entrar nos mítines aos cabezas de lista cunha música de fondo que os identifique.

Iso é algo que tamén se fixo despois de Franco, pois tamén Fraga se investiu como presidente con miles de gaiteiros ao seu redor, ao igual que Alberto Núñez Feijóo.

PRECÍSASE DE FERRAMENTAS PARA PERCATARSE, E FUNCIONA MOI BEN

A pregunta é: decátase a xente dese uso do folclore ou este logra entrar no seu subconsciente sen darse nin de conta? "Hai xente que si se da conta, pero o certo é que para poder analizar hai que contar con ferramentas que ás veces non temos", expón. Así, asegura que ao redor dunha investidura presidencial hai unha especie de retórica de rito, pois "é algo parecido a un rito, político, pero rito á fin e ao cabo".

"Unha investidura presidencial ten unha especie de retórica de rito; é algo parecido a un rito, político, pero rito á fin e ao cabo"

Cando Fraga se investiu como presidente na praza do Obradoiro, o lugar non foi elixido ao tanteo. Era un lugar simbólico que representaba a unión de varios poderes: o Goberno (Pazo de Raxoi), a educación (USC), a Igrexa (a Catedral) e a sanidade (Hostal dos Reis Católicos, antigo orfanato e hospital). Do mesmo xeito, o folclore que acompañou a súa toma de posesión tamén tiña un significado. 

"Se tes as ferramentas suficientes percátaste, se non as tes, intúes, sintes, percibes que hai algo do teu elemento cultural identitario (como a música tradicional ou o folclore) que están usando os políticos a discreción, pero non acabas de contemplar ata que punto se fai un uso perverso ou violento dese elemento", indica.

"Se non tes as ferramentas suficientes intúes, sintes, percibes que hai algo do teu elemento cultural identitario que están usando os políticos a discreción, pero non acabas de contemplar ata que punto se fai un uso perverso ou violento dese elemento"

O folclore sempre formou parte da política, e iso non ten pinta de que vaia a cambiar. De feito, durante o réxime franquista funcionou moi ben, tanto a nivel nacional como internacional, como evidencia Beatriz, non por si só, senón como un elemento máis sumado ao NO-DO, á prensa e outros recursos.

"Todo opera para acadar un mesmo fin e cando se trata dun réxime no que todos os medios de masas están baixo a man e control do propio Estado, hai unha propaganda evidente que funciona ben e outra menos evidente que funciona fantásticamente ben, na que se inclúe o folclore", conclúe Beatriz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galiza verdadeira

A maiores do que conta o artigo, a mesma intenção fai que agora as cousas da Galiza se contem dende média de Madrid em castelhano para fazer que os galegos aprendamos da -por exemplo, ilha de Ons e a sua história via um documentário em castelhano, "normalizando" a língua imposta para as cousas tradicionáis da nossa terra