Os catro veciños da Estrada e tres da Pobra do Brollón atrapados en Perú xa viaxan de volta a Galicia

O país vive protestas orixinadas pola destitución e detención do presidente Pedro Castillo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Os catro veciños da Estrada e os tres da Pobra do Brollónque estaban atrapados en Perú, por mor das protestas orixinadas pola destitución e detención do presidente Pedro Castillo, viaxan este martes nun voo a Madrid, desde onde volverán a Galicia en próximas horas.

Aeroporto de Lima, en Perú
Aeroporto de Lima, en Perú | Fonte: Ministerio de Defensa do Perú - Wikimedia.

O alcalde da Pobra, Xosé Luís Maceda, celebra a chegada dos seu tres veciños --dous mozos, Adrián e Jara, e o pai desta última, Fernando-- que se produce este mesmo martes. Tras a aterraxe, teñen previsto viaxar ao concello lucense.

Aínda que Maceda testemuña que "non" o pasaron mal, si que lles pesou "a incerteza" e os gastos "engadidos" por ampliar a súa estancia e a perda de "voos" para volver a casa. "O problema era a incerteza, dada a situación política que atravesa Perú, de cando poderían regresar. Estiveron ben e non viviron situacións de violencia", constatou.

Si que tiveron que padecer "o bloqueo de estradas por parte dos manifestantes e tamén o aeroporto de Arequipa, que estaba inoperativo e iso dificultaba que puidesen regresar". "Isto produciu incerteza, non sabían cando podían volver. Ademais, supoño, a cuestión económica porque había que estar máis días dos previstos, perderon voos e é un gasto engadido", subliñou.

Os tres viaxaran ao Machu Picchu "e a cidade máis próxima é Arequipa, que é a segunda cidade máis importante de Perú e está a 1.000 quilómetros de Lima, a 18 horas en autobús e hora e media en avión".

Maceda puntualizou que a volta a xestionou "a través da subdelegación do goberno en Lugo e da mediación da eurodeputada do BNG, Ana Miranda que tiña contactos en Perú". "Foron eles os que moveron os fíos para trasladalos a Lima, a través dun avión militar das forzas aéreas" do país.

De igual modo, no mediodía deste martes estaba prevista a chegada de catro persoas da Estrada, dous mozos e dúas mozas, que viaxaran ao país latinoamericano para ir a unha voda dun amigo e a súa noiva peruana, que viven tamén neste concello, e logo aproveitaron para facer turismo.

Tal e como relatou o alcalde estradense, José López, estaban en Aguas Calientes, próximo ao Machu Picchu, e alí quedaron retidos nun hotel "sen información e sen poder saír de alí" dado o estado de emerxencia decretado polo novo Goberno. Entón, decidiron emprender unha viaxe a pé a Cuzco, de varias horas de duración, no medio dun numeroso grupo de turistas que se viron co mesmo problema.

Unha vez en Cuzco, atopáronse o aeroporto pechado, aínda que "a situación foi mellorando" e finalmente puideron voar ata Lima. Xa desde alí, entre este luns e este martes, voan de volta a Madrid para, en próximas horas, estar de volta en casa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta