Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 14:55
O sector escénico galego analizou este martes, no Pazo da Cultura de Carballo (A Coruña), os seus retos de futuro na última xornada do programa 'A Cultura é un Dereito', evento organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.
O evento foi inaugurado polo deputado de Cultura, Xurxo Couto; o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo; e o presidente de Escena Galega, Santiago Cortegoso.
Durante a súa intervención, Xurxo Couto puxo en valor a Rede Cultural da Deputación da Coruña, a través da que se programan artes escénicas, audiovisuais e música practicamente en todos os concellos da provincia, agás nas tres cidades.
O deputado tamén lembrou que, a través deste programa, destínanse uns dous millóns de euros anuais para cofinanciar a programación dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, contabilizando ao redor de 2.500 actuacións ao ano e "dando lugar a un espazo de traballo moi relevante para os sectores profesionais da cultura galega".
A xornada tamén abordou outros temas como as posibles estratexias entre o sector creativo e o empresarial-produtivo, así como formas de traballar sobre as propostas de acción entre concellos pequenos que poidan reforzar a súa acción cultural de cara á cidadanía.
Ademais, púxose o foco sobre as asociacións profesionais, entendendo a estes colectivos como parte fundamental do desenvolvemento e do mantemento do sector cultural galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.