Premio Extraordinario Fin de Carreira 2021 para 82 universitarios galegos, o 60 % mulleres

Todos eles recibirán 3.500 euros polo seu extraordinario expediente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

Un total de 82 universitarios das tres universidades galegas, o 60 % mulleres, recibiron este venres o premio Fin de Carreira correspondente á promoción que terminou os seus estudos superiores durante o pasado 2021, polo que recibirán 3.500 euros polo seu extraordinario expediente.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou durante a súa intervención no acto que "o 60 % das galardoadas son mulleres". Así, recoñeceu o labor das universidades públicas galegas como "catalizadoras das capacidades do seu alumnado e como motores da Galicia innovadora".

Rueda puxo en valor a cultura do esforzo e insistiu que "non pode dar igual aprobar que suspender nin ten nada de igualador un sistema onde dá igual esforzarse que non esforzarse".

Así mesmo, o titular da Xunta manifestou aos galardoados que en Galicia sempre van ter un lugar para demostrar o seu talento e para emprender os seus proxectos profesionais. Tamén insistiu en que "o futuro non se entendería" sen eles.

No acto estivo presente tamén o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Ademais, acudiron os reitores das tres universidades galegas Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Joaquín Reigosa (UVigo).

"IMPORTANTE PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA"

Pola súa banda, Antonio Adrián González Pedrouzo falou en nome de todos os galardoados e sinalou que este premio "é importante para toda a comunidade educativa".

Nesta liña, reiterou en varias ocasións o agradecemento a todas as persoas involucradas na vida académica e persoal dos estudantes e definiunas como "pezas crave na consecución deste logro".

Ademais, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, en representación das tres universidades públicas galegas, subliñou que "é un día para celebrar o talento e esforzo de catro anos", dun sistema universitario galego que "é magnífico".

Do mesmo xeito, recoñeceu que o gran reto destas institucións é "a renovación do persoal" porque son "unha universidade envellecida". Así, insistiu aos mozos que fan o doutoramento que "se necesita aos mellores". "E os mellores sodes vós", concluíu.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira 2021
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira 2021 | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta