A lei para axilizar a convocatoria de 10.300 prazas e reducir a temporalidade no emprego público sae adiante

O BNG abstense e o PSdeG apoia a norma ao advertir de que responde a outra de carácter estatal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento aprobou a lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, á que deu luz verde o Consello da Xunta o pasado 13 de outubro e coa que o Goberno autonómico pretende dotar de "seguridade xurídica" e "axilizar" o proceso de convocatoria de máis de 10.300 prazas.

Durante o debate da norma, que saíu adiante co apoio de PP e PSdeG e a abstención do BNG, o deputado socialista Gonzalo Caballero recriminou ao grupo popular que "sen a lei do Goberno central nunca se tería producido" este avance lexislativo en Galicia.

Así, subliñou que os populares traen esta lei "porque a lexislación estatal obrígalles a desenvolver un marco normativo para conseguir acabar con esas bolsas de interinidade".

Pola súa banda, o parlamentario do PSOE galego reivindicou que esta é unha lexislación "necesaria" xa que "a estabilidade do emprego público é a base do estado de benestar".

A continuación tomou a palabra o nacionalista Iago Tabarés, quen valorou o "bo ambiente" do relatorio, pero acusou á "liña imposta" polo PP o resultado de "non chegar a acordos".

Ademais, tachou de "tardío" este proxecto e afeoulle que estea "carente de ambición". "Limítase á reprodución da normativa estatal", asegurou o portavoz do Bloque no debate, antes de censurar tamén que é "unha norma na que a negociación foi máis formal que real".

Ao seu xuízo, esta lei responde ao principio de que "hai persoas que cando teñen que facer algo, fan algo, aínda que non sexa o que deben".

"ÚTIL E EQUILIBRADA"

Na quenda do grupo maioritario, o popular Alberto Pazos Couñago reivindicou que esta lei será "útil" para reducir a temporalidade e tamén valorou que o fará de maneira "equilibrada".

Así mesmo, durante a súa intervención, defendeu as transaccións alcanzadas co BNG e a aceptación de emendas de PSdeG e nacionalistas para mellorar o texto. "Houbo disposición", resaltou.

Funcionario da Administración autonómica
Funcionario da Administración autonómica | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta