O PP rexeita de novo recuperar a Tarxeta Básica e o BNG avisa: "Seguiremos insistindo"

Fora deseñada pola Xunta durante a pandemia para a cobertura dos bens de primeira necesidade de familias con dificultades económicas e que decidiu retirar en xuño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 20:24

Comparte esta noticia

O PP volveu rexeitar unha iniciativa parlamentaria da oposición que demanda a recuperación da 'Tarxeta Básica', deseñada pola Xunta durante a pandemia para a cobertura dos bens de primeira necesidade de familias con dificultades económicas e que decidiu retirar a finais do mes de xuño deste ano.

Alberto Pazos Couñago, deputado e viceportavoz do Grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia.
Alberto Pazos Couñago, deputado e viceportavoz do Grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia. | Fonte: PPdeG.

A reclamación formaba parte dunha moción debatida no pleno ordinario deste martes a proposta do BNG e que, finalmente, foi tombada pola maioría absoluta que o Partido Popular ten na Cámara. Pola súa banda, o PSdeG votou a prol da iniciativa xunto ao grupo propositor.

"Dá igual as veces que voten en contra de recuperala. Seguiremos insistindo", sentenciou ao termo da súa primeira intervención a deputada do BNG Noa Presas, encargada de defender unha moción que tamén propuña outra serie de medidas para facer fronte á crise de prezos, como a constitución dunha mesa de seguimento no Consello Económico Social ou a creación un bono familiar para combater a pobreza na infancia e a adolescencia.

Na súa quenda, o deputado popular Alberto Pazos Couñago cualificou de "broma" que a oposición "diga que apoiaron a Tarxeta Básica" cando "votaron en contra dos orzamentos" da Xunta dos últimos dous anos.

Neste sentido, tras incidir en que o gasto social actual da Xunta é "moito maior" que o do goberno bipartito "que deixou tirados os galegos por unha crise á que se chegou polas súas políticas", o parlamentario do PP remarcou que a desaparición da 'Tarxeta Básica' está compensado co "maior gasto" social "da historia" nas contas do próximo ano, aprobadas leste mesmo martes.

"Desaparece un instrumento pero hai máis compromiso orzamentario e vanse pór en marcha novos instrumentos", aseverou Pazos Couñago, que defendeu que Galicia "vai na senda correcta" para apoiar as familias con máis dificultades económicas.

No peche do debate, Noa Presas acusou a Xunta de negarse durante os tres anos a facer compatible a Risga co Ingreso Mínimo Vital como reclaman as organizacións asinantes da 'Axenda Social Única', á vez que censurou que "prefiran usar as partidas" que poderían usar para financiar a 'Tarxeta Básica' a "baixar os impostos aos que máis cobran" e "ás familias numerosas". "Porque xa sabemos que quen manda na política fiscal do PP, ademais dos ricos, é o Opus Dei", espetou a deputada do BNG.

Pola súa banda, a deputada socialista Mariña Ortega afeou á Xunta que desatenda os datos que afirman que os niveis de pobreza "se amorteceron" ou "disminuído" co Ingreso Mínimo Vital ou a 'Tarxeta Básica'.

"O que non esperabamos é que nun momento no que a xente sofre para facer a compra, decidan usar unha das axudas que máis os apoiaba e que permitía superar o modelo asistencialista que marca negativamente a moitas familias que teñen que facer as 'colas da fame', que xeran estigmas", sentenciou Ortega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta