A Xunta remarca os 25 anos de historia da marca de identidade 'Galicia Calidade'

O Goberno galego destinará máis de 4,4 millóns de euros nos dous próximos anos para apoiar os produtos vitivinícolas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 20:44

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor os 25 anos de historia da marca de identidade 'Galicia Calidade', á que proximamente se lle engadirá a sección específica 'Galicia Calidade Alimentaria', para englobar todos os produtos alimentarios con excelencia recoñecida.

Un dos camións de Galicia Calidade no Concello de Ames
Un dos camións de Galicia Calidade no Concello de Ames | Fonte: www.concellodeames.gal

Así o destacou este martes en Verín o conselleiro durante a súa intervención na entrega de distincións aos novos membros da Cofraría dos Viños de Monterrei. Alí, definiu o viño galego como "unha forma marabillosa de compartir a sabedoría dun pobo a través das cores e os sabores" e que na súa elaboración esixen "contar coa sabedoría da tradición, da experiencia e do bo saber secular".

No marco normativo, o conselleiro remarcou que as bases da política rural da Xunta materialízanse na futura Lei de calidade alimentaria, que promoverá, protexerá e defenderá os produtos de calidade galegos.

Nesta liña, incidiu en que tamén o fai así a Lei de recuperación da terra agraria e lembrou a importancia de seguir vinculando a xestión do territorio ás producións de calidade e adicionalmente á prevención.

Ademais, González incidiu en que a Xunta destinará máis de 4,4 millóns de euros en axudas para apoiar a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas nos anos 2023 e 2024.

Con todo, o conselleiro lembrou que o seu departamento investirá preto de 5,5 millóns de euros na promoción como canle para fomentar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos, entre eles os vitivinícolas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta