Conde rexeita ter notificación da denuncia de Adega e o BNG acúsalle de "chanchullos"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2022 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, asegurou que a Xunta non recibiu ningunha notificación xudicial sobre a denuncia presentada por Adega ante a Fiscalía de Medio Ambiente e arremeteu contra o BNG, cuxo deputado Luís Bará interpelou por esta actuación e quen tamén acusou á Xunta de "chanchullo monumental". "Van caer con todo e equipo, non se poden facer tantos chanchullos", advertiu.

Na súa resposta no pleno parlamentario, o tamén vicepresidente primeiro da Xunta asegurou que o BNG "está entre eses grupos políticos que queren anular a autonomía do poder xudicial para impor as sentenzas que queren ditar", en referencia velada á crise do Constitucional.

"Non nos atoparán nese bando, no PP somos constitucionalistas e demócratas e non nos pasa como ao BNG, non temos que demostralo", afirmou na súa intervención.

De feito, nun discurso en que arremeteu contra os nacionalistas galegos, o número dous do Goberno galego asegurou que "respecta a separación de poderes" e que, por tanto, correspóndelle á Fiscalía decidir "as actuacións que estime oportunas" sobre a denuncia de Adega. Nese sentido, ofreceu a "colaboración" da Xunta coa Xustiza.

DENUNCIA DE ADEGA

Concretamente, Adega presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña contra a Xunta por presunta prevaricación e malversación de fondos vinculados coa tramitación do plan industrial para o desenvolvemento de dous proxectos eólicos de Greenalia Wind Power.

Segundo os seus representantes, Kaekias Eólica S.A. conseguiu, na Orde do 29 de marzo de 2010, a asignación de 75MW para desenvolver os parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás co compromiso de executar un plan industrial específico, ou de monetizalo nun importe económico que tería que ser depositado no fondo capital-risco do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Adega sinalou, no seu relato, que Kaekias Eólica escolleu a opción de monetizar os parques industriais por un valor de 11.721.971 euros. En 2016 o Grupo Greenalia absorbeu a empresa Kaekias Eólica e a titularidade dos proxectos eólicos Campelo e Lamas, de Feás, xunto compromisos vinculados a ambos os proxectos, que non se levou a cabo. Greenalia solicitou en 2019 que se dese por executado o plan industrial en base ao desenvolvemento de tres das súas actividades levadas a cabo entre 2015 e 2019 no canto de ingresar os case 12 millóns de euros.

Adega sinalou que os feitos denunciados están relacionados coa resolución administrativa emitida o 21 de xullo de 2021 pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais na que se dá por executado o plan industrial que comprometía a asignación de potencia para os parques eólicos no concurso da Xunta de 2010.

"NON TEMOS NINGUNHA NOTIFICACIÓN"

Conde indicou que a Xunta "non ten ningunha notificación da denuncia" que "o BNG parece coñecer integramente". En todo caso, defendeu que a orde do 22 de marzo de 2010 "cumpre estritamente coa legalidade" e "así o avalan todos os informes" da asesoría xurídica. Ademais, este procedemento vinculado a concurso eólico "xa se aplicou noutras ocasións porque así o constataron os servizos" xurídicos.

"Deberían deixar de ser guionistas dunha historia de ciencia ficción", reprobou Conde ao BNG, ao que lle afeou o seu modelo eólico durante o bipartito e a quen puxo enriba da mesa as memorias do ex presidente Emilio Pérez Touriño para advertirlle de que o propio dirixente socialista lembra que pensou en cesar ao conselleiro de Industria (nacionalista) en varias ocasións por esta cuestión.

O deputado do BNG replicoulle que dubidaba de se tras o seu paso polo Goberno buscaría "unha porta xiratoria" pero concluíu que, tras a intervención no hemiciclo, estaba "a prepararse" para ser o "portavoz de industria na oposición" a un goberno do Bloque.

Eólicos de Paradela
Eólicos de Paradela | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta