A imaxe do Apalpador en Galicia: menos de 5 de cada 100 nenos o prefiren antes que os Reis Magos ou Papá Noel

Por contra, outras nacionalidades como País Vasco e Cataluña logran mellores valoracións dos seus repartidores de agasallos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/12/2022 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O Nadal galego vai moito máis aló dos Reis Magos e Papá Noel, pois conta cunha figura propia que, por desgraza, se está perdendo co paso do tempo: o Apalpador. Con todo, ben é certo que son os Reis os que máis triunfan entre os pequenos galegos, tal e como se mostra no último Informe sobre a Compra de Xoguetes en España 2022 de Aldi (elaborado polo supermercado do mesmo nome).

Imaxe do Apalpador
Imaxe do Apalpador | Fonte: Leandro Lamas

Así, un 33,3 % dos nenos e das nenas galegos piden os seus xoguetes aos Reis Magos, mentres que o 24,1 % fan a carta para Papá Noel. Mais, como xa se sabe, ter agasallos nas dúas datas é o ideal para os pequenos, mellor que sobre a que falte, polo que hai tamén un amplo 37,9 % que recibe regalos tanto de parte dos Reis Magos como de Papá Noel. 

Agora ben, cantos piden ao Apalpador? Lamentablemente para a nosa tradición, case ningún, tan só o 4,6 % dos nenos e das nenas galegos, isto é, nin sequera cinco de cada cen. Este ser mítico, coñecido tamén polo nome de Pandigueiro na comarca da Terra de Trives, é máis típico das zonas do leste de Galicia.

A lenda conta que durante as noites do Solsticio de inverno, o 24 e o 31 de decembro, baixa a tocar o ventre dos rapaces para ver se comeron o suficiente durante o ano, deixando un puño de castañas, ás veces algún agasallo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e comida. Como se nota que somos galegos e nos gusta comer ben!

Carboeiro de profesión, este home xigante chegado do interior de Lugo, do máis fondo do Courel e do Cebreiro, baixa das devesas. Vello, amistoso, barbudo e grandullón, co pelo vermello, fuma en pipa, leva boina e viste chaqueta colorida con pantalóns cheos de remendos. Así se describe frecuentemente. 

Aínda que cada vez son máis os concellos galegos que traballan pola recuperación da figura do Apalpador, que únicamente se mantiña polo momento en zonas do interior, parece que os tres Reis de Oriente e a figura do vello de barba branca de Laponia son moito máis populares, a diferenza do que sucede noutras nacións históricas como País Vasco ou Cataluña, onde a tradición propia ten moito máis valor. 

O CAGA TIÓ EN CATALUÑA E O OLENTZERO NO PAÍS VASCO

No caso do Caga Tió, en Cataluña, ocupa o 13,8 % das preferencias cando se pregunta aos cataláns e catalás sobre que celebración de Nadal é a súa favorita. Sen embargo, recibir aos Reis Magos (39 %) e a Papá Noel (14 %), ou celebrar ambas as festividades por igual (35 %), son opcións que seguen ocupando a maioría das opinións entre a poboación catalá. Con todo, ese 13,8 % xa supón case triplicar a popularidade do Apalpador galego.

Pola súa banda, no País Vasco, o Olentzero consegue desbancar aos Reis Magos: preto dun 65 % dos vascos e das vascas (é dicir, máis de seis de cada dez nenos desta rexión) declara preferir a súa celebración a outras propostas. Precisamente, aquí é onde menos se festexa a chegada de Papá Noel, cun 4 % das preferencias, ou dos Reis Magos, cun 24 % (26 puntos por debaixo da media estatal).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta