Máis de 700 médicos do Sergas que compatibilizan atención privada e pública piden á Xunta igualdade salarial

Reclaman o "fin da discriminación salarial que sofren" no cobro do complemento específico que percibe o resto dos seus compañeiros aínda que realizan as mesmas funcións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2022 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

Máis de 700 médicos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que compatibilizan o seu labor coa medicina privada, dirixíronse ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para reclamar o "fin da discriminación salarial que sofren" no cobro do complemento específico que percibe o resto dos seus compañeiros aínda que realizan as mesmas funcións.

Segundo indicou o sindicato médico O'Mega, o escrito que os facultativos remitiron ao conselleiro e á directora de Recursos Humanos do Sergas, Ana María Comesaña, foi promovido polo sindicato e nel os asinantes denunciaron a "importante diminución" nas súas retribucións que supón unha práctica que a Administración "só leva a cabo en Galicia e en Asturias" e que "vai en contra da máxima de que a igual traballo debe retribuírse con igual salario".

Así, denunciaron que a Consellería de Sanidade "priva aos médicos do Sergas" que compatibilizan o seu labor co exercicio da medicina privada do cobro do complemento específico "a pesar de que estes cumpran unha xornada laboral completa" no seu posto de traballo da sanidade pública.

Desta forma, lembraron que esta reivindicación provocou hai anos en Galicia unha folga de médicos que só se desconvocou cando o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse " con este colectivo" a buscar unha solución que "puxese fin a esta discriminación salarial".

REUNIÓN CO CONSELLEIRO

Así as cousas, detallaron que no escrito presentado este martes na Consellería de Sanidade, con 714 firmas, os facultativos solicitan do conselleiro unha reunión e que se inicien "todos os procedementos administrativos necesarios para pór fin a esa marxinación".

Con todo, advertiron de que se non son atendidas as súas demandas "porán en marcha todos os mecanismos legais existentes" para facer patente "a súa fartura ante esa absurda discriminación".

Finalmente, lembraron que o escrito se produciu só unha semana despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimase unha demanda de conflito colectivo presentada por O'Mega e condenase á Xunta e ao Sergas por "vulnerar os dereitos dos médicos e os pediatras de Atención Primaria".

Médico e prescrición de receita
Médico e prescrición de receita | Fonte: Icomen

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta