Gardacostas de Galicia, a loita dun colectivo que pide ser recoñecido como traballadores do mar

Desde as administracións central e autonómica manteñen nun “limbo” legal a boa parte dos homes e mulleres que traballan no Servizo de Gardacostas de Galicia.

Por Moncho Mariño | Santiago | 27/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado 13 de decembro un grupo de gardacostas achegáronse ao Congreso dos Deputados para pedir apoio a unha enmenda na Lei de Pesca Sustentable. Reclamaban a inserción deste colectivo no Réxime Especial de Traballadores do Mar debido a que a súa actividade se desenvolve no medio mariño. A proposta non foi aceptada. O persoal do organismo marítimo leva pedindo desde a súa creación poder ter os mesmos dereitos que o resto de traballadores e traballadoras do mar. Desde as administracións central e autonómica manteñen nun “limbo” legal a boa parte dos homes e mulleres que traballan no Servizo de Gardacostas de Galicia.

Embarcación 'Punta Roncadoira' de Gardacostas
Embarcación 'Punta Roncadoira' de Gardacostas | Fonte: Wikipedia

FUNCIONARIOS, NON TRABALLADORES DO MAR
O persoal encadrado como gardacostas de Galicia son maioritariamente funcionarios, sobre todo nas embarcacións máis pequenas. Nos grandes buques como o “Irmáns García Nodal” pode haber tripulación mixta, funcionarios e persoal de subcontrata (capitáns e mecánicos sobre todo). Todas estas embarcacións máis os helicópteros son un servizo con competencias que van desde o control do furtivismo, axuda en salvamento, tarefas anticontaminación, tarefas de control en lonxa, control da actividade marisqueira e tamén tarefas administrativas. O Servizo de Gardacostas de Galicia (SGG), tal como se coñece hoxe, nace en 2004 coa intención de dar cobertura ás competencias de mar transferidas á Xunta de Galicia. 

A cuestión subxacente é que a efectos lexislativos e laborais, aquelas persoas funcionarios de carreira ou con interinidade dentro do SGG están cubertas polo Réxime Xeral da Seguridade Social. Aí é onde aparece a reclamación deste colectivo, queren estar baixo o Réxime Especial de Traballadores do Mar (REM) do Instituto Social de la Marina (ISM) dependente do Ministerio de Seguridad Social. Desde a Consellería do Mar sinalan sobre isto que: “a competencia de incluír ao persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar é do Instituto Social da Mariña (ISM), dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións”


COEFICIENTE REDUTOR
Entre os motivos presentados figura o coeficiente redutor para a xubilación. Este é un baremo aplicado á xente que ten traballado no mar ou actividades en terra ligadas ao mar (estibador). Os coeficientes redutores permiten, nalgúns casos e dependendo do posto de traballo, adiantar a xubilación dez anos antes con respecto a un traballador ou traballadora baixo o Réxime Xeral. Todo dependerá dos anos traballados e do tipo de actividade. “Tamén se debe ter en conta que os coeficientes redutores implican pagar máis en canto cotizacións á Seguridade Social” sinala Emilio Doforno de CC.OO.

Hai compañeiros e compañeiras que “arriscan” xubilándose de Gardacostas co 80% por causas médicas, xubilación anticipada, mais logo recorre diante do Xulgado do Social para reclamar o coeficiente redutor” di o gardacostas Javier Piñeiro. “Sei dalgunhas sentenzas onde os xulgados apuntaban que independentemente de onde se desenvolvese a vida laboral, tiñan dereito a seren recoñecidos como traballadores do mar e por tanto correspondíalles o coeficiente de redución”. Piñeiro insiste que isto depende moito da interpretación do maxistrado que pode negar o acceso á redución. Unha sentenza negativa pode ser unha perda económica importante para a persoa que reclama se lle aplique o coeficiente redutor.

Buque 'Irmáns García Nodal' de Gardacostas
Buque 'Irmáns García Nodal' de Gardacostas | Fonte: Wikipedia

Para o ISM son persoal baixo o réxime xeral mais a efectos de seguridade e hixiene laboral son traballadores do mar, apunta Zeltia Burgos da CIG. “No seu momento algúns dos buques grandes de Gardacostas foron cedidos á Xunta, parte da tripulación é persoal externalizado, poden ser capitán, mecánico e algún mariñeiro, mais se non hai un funcionario de Gardacostas ese barco non pode zarpar”. A misión do funcionario é a de levantar actas e outras tarefas encomendadas.

Sobre o coeficiente redutor a Xunta de Galicia responde que “sempre considerou necesario realizar unha revisión nos coeficientes redutores para a xubilación dos profesionais do mar completa ao entender que a nova lei estatal de pesca sostible aprobada esta semana no Congreso contempla unha modificación destes coeficientes pouco ambiciosa”.

EMBARQUES E REVISIÓNS MÉDICAS
O traballo no mar, tanto embarcado como en tarefas realizadas en terra mais relacionadas coa actividade marítima, precisan de permisos laborais e revisións médicas periódicas para poder realizar as súas tarefas de maneira legal. É por isto que os funcionarios de Gardacostas necesitan deses mesmos permisos e revisións se queren subir a un barco e levar adiante o seu labor.

“Hai ocasións en que a estes traballadores e traballadoras non se lles permite o acceso a determinadas formacións imprescindibles para embarcar” di Burgos. A solución ás veces pasa pola vía de inscribirse nas oficinas do Servizo de Colocación de Galicia como “demandante de mellora de emprego”, figura que chocaría coa condición de funcionario da maioría dos gardacostas. “Aínda así, a propia Consellería do Mar ten feito cursos de formación e capacitación para o persoal” sinala Piñeiro.

Por outra parte, as revisións médicas anuais, obrigatorias para todo persoal embarcado ou non mais baixo o REM, tamén son imprescindibles para o embarque en Gardacostas. Moito persoal de Gardacostas si fai revisións grazas ao persoal médico do ISM. “Moitas veces esas revisións fanse de maneira altruísta nas instalacións do ISM” sinala Zeltia Burgos. “Non sabemos de casos onde se lle teña denegado o exame médico a un gardacostas, mais si houbo médicos avisando: nós non tiñamos que estar alí pasando esa revisión” sinala Piñeiro. “Non queremos estar de prestado, queremos saír nas nosas embarcacións con todos os permisos e licenzas pertinentes do Ministerio de Fomento así como coas probas médicas e de momento todo son trabas”.

MESMO MEDIO, DISTINTO TRATO
“Os traballadores e traballadoras dos barcos remolcadores están dentro do REM, porque non poden os gardacostas?” pregunta Emilio Doforno. “Non esquezamos tampouco que o coeficiente redutor está ligado á saúde e seguridade laboral, con situacións de risco vinculadas ao posto de traballo, non ao número de competencias que teña determinado corpo”. Isto último significa que a asunción do amplo abano de tarefas competencia de Gardacostas non inflúe no momento de avaliar a súa entrada no réxime do mar.

Se algunhas sentencias do social recoñecen os coeficientes redutores aos gardacostas retirados alegando que traballan no mar e por tanto, deberan ter os mesmos dereitos de quen traballa en actividades mariñas, cal é o problema en realizar a cobertura mediante o REM? “Todos os que traballan no mar deberan estar cubertos polo REM, é o mesmo ámbito laboral, mesmo cando se comezara nos 90 cos antigos servizos de vixilancia e marisqueo, había xente que tiña os seus papeis do ISM por traballar antes embarcado na pesca ou na mercante” sinala Lino Díaz Goas.

Entón, por que non se pensou en incluír os gardacostas no REM desde o primeiro momento? Non se sabe. O pasado 13 de decembro debateuse a lei de pesca sustentable no Congreso dos Deputados. Un grupo de gardacostas acompañados pola CIG presentaron as súas demandas diante dos grupos da Comisión de Pesca. O BNG presentou unha enmenda sobre a situación de “discriminación” do colectivo de gardacostas de cara ao seu recoñecemento como traballadores do mar. A pesar da recepción positivia por boa parte dos grupos parlamentarios, o Goberno tombou a enmenda e outras máis. O motivo alegado foi “o incremento de gasto” en xubilacións mediante coeficientes redutores.

A Xunta de Galicia indica que desde o ano 2012 se dirixiu en varias ocasións ao ISM para que informase da posibilidade de encadramento no Réxime Especial do Mar para os funcionarios pertencentes ás escalas de Gardacostas da comunidade –a única de España que conta con este servizo–. “En todas as ocasións o ISM concluíu que non procede incorporar ao colectivo neste réxime especial e recoñecerlles o dereito á aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación ao tratarse de persoal funcionario e non laboral”.

A solución, para moitos representantes do colectivo, é que tanto Xunta e Goberno central negocien os cambios necesarios para cambiar a cobertura legal e laboral dos gardacostas. Non obstante, o Goberno autonómico sinala ao central como o competente para levar adiante os arranxos legais necesarios e o Goberno central pide un informe de valoración que xustifique o cambio de réxime de cobertura, informe que lle reclama á Xunta. “Todo é cuestión de negociar, de ter vontade política e sentarse” sinalan as fontes consultadas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta