A remodelación do centro de coidados intermedios para maiores de Santiago terá que estar rematada a mediados de 2023

Entre outras actuacións, crearanse 30 habitacións dobres cun total de 60 prazas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2022 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social publicou este venres as condicións do contrato para a remodelación do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) de Santiago de Compostela, que albergará o centro de coidados intermedios para maiores que precisan unha atención específica tras recibir un alta hospitalaria antes de reingresar na súa residencia.

De acordo coa información do portal Contratos Públicos de Galicia, o orzamento basee de licitación acada os 1.113.158,64 euros (IVE incluído) e os traballos, que inclúen tarefas de demolición, instalación eléctrica e fontanaría, entre outros, teñen un prazo de execución de seis meses, sen admitir prórrogas.

As empresas que queiran presentar as súas ofertas terán de prazo ata o 13 de xaneiro. Trátase dun contrato acollido ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do compoñente para a economía dos coidados e o reforzo das políticas de inclusión social.

O proxecto consiste en redistribuír as áreas residenciais existentes no Cegadi. En concreto, o novo centro de coidados intermedios contará con 30 habitacións dobres equipadas --cun total de 60 prazas-- na zona creada coa pandemia da covid para o coidado de persoas convalecentes.

Na planta baixa, zona norte, distribuiranse vestiarios masculinos, femininos e adaptados, xunto a unha lavandaría e unha área de almacenamento de bombonas de osíxeno. Na zona sur, habilitarase unha cociña industrial.

Na primeira planta, redistribuiranse os espazos para crear despachos e manteranse dous dos tres aseos existentes, mentres que no terceiro haberá un novo elevador. Na segunda, o espazo diáfano dividirase en cinco despachos e unha sala de reunións, e os espazos de comunicación adaptaranse á normativa de accesibilidade.

Unha muller pasea xunto a un ancián en cadeira de rodas
Unha muller pasea xunto a un ancián en cadeira de rodas | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta