A Xunta "abandona" o galego ante unha situación "dramática" de "perda de falantes" segundo Podemos

Podemos Galicia avoga por "recuperar o financiamento das políticas de normalización lingüística e polo uso da TVG como ferramenta efectiva de dinamización cultural".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2022 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, criticou o "abandono da lingua" galega por parte da Xunta tras coñecerse o último informe publicado polo Instituto Nacional de Estatística que "certifica a perda de falantes que sofre o galego" e que "coloca por primeira vez o castelán como idioma máis falado da comunidade".

Para San Ramón, a situación é "dramática" e responsabiliza á Xunta pola súa "absoluta desatención". "O PP de Rueda e Feijóo é responsable de década e media de inanición orzamentaria do galego", asegurou o dirixente de Podemos Galicia.

Así mesmo, destacou que as partidas de normalización lingüística "reducíronse nun 92%". Do mesmo xeito, lamentou que as contas aprobadas polo Goberno galego para 2023 "nin recoñecen o problema nin achegan solucións".

Nunha nota de prensa, Podemos Galicia cualificou a situación de "grave incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias". Neste contexto, a formación morada aposta por "recuperar o espazo do galego na educación" que, engadiu, "foi reducido polo Decreto de Plurilingüismo".

Nesta mesma liña, Podemos Galicia avoga por "recuperar o financiamento das políticas de normalización lingüística e polo uso da TVG como ferramenta efectiva de dinamización cultural". "O Goberno da Xunta debe cumprir coas súas obrigacións legais de garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes", proclamou.

Ademais, Borja San Ramón criticou a Alfonso Rueda polo que considera "un intento de ocultar a situación". Así, censurou que o Instituto Galego de Estatística "leva desde 2018 sen publicar informes sobre o uso do galego". "A falta de transparencia da Xunta demostra que son conscientes do fracaso do seu modelo", concluíu.

O coordinador nacional de Podemos Galciia, Borja San Ramón. / PODEMOS GALICIA / Europa Press
O coordinador nacional de Podemos Galciia, Borja San Ramón. / PODEMOS GALICIA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mira tí que sorpresa ! Podemos defendendo a lingua galega ! Será un milagre ? Estará Paco Rodríguez dando instrucións a Rego e Pontón para evitar a sangría de votos nos Concellos ? Agora en serio, Rueda e Feijoo serán o que tí queiras, pero na falta de uso da lingua galega temos un fenómeno en Vigo que dá para unha novela de pantasmas ! Curioso que nos mesmos 15 anos que leva á fronte da cidadade máis poboada de Galicia ninguén asome crítica algunha contra Caballero ~ Carmela ~ Regades (será porque está en xogo a Deputación de Pontevedra se o BNG abre a boca ? Será, será, será... Aquí un artigo de Xesús Alonso Montero sobre o uso do galego... https://www.lavozdegalicia.es/notic...