Estrease o primeiro gran documental sobre os protagonistas da traxedia de Angrois

Vinte vítimas, veciños e persoal de emerxencia falan sobre o que aconteceu aquel fatídico 24 de xullo de 2013. A produción está realizada polo colectivo Lentes Diverxentes que, de xeito desinteresado, altruísta e autofinanciado trata de sacar á luz problemáticas sociais desde o punto de vista de quen as padece.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/11/2014 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Máis dun ano despois da traxedia do Alvia 04155 en Angrois, as vivencias persoais e as interrogantes sobre  por que descarrilou o tren aquel 24 de xullo seguen no  pensamento dos que lles tocou estar alí. Vítimas,  familiares, profesionais dos servizos de urxencia e  persoas anónimas que colaboraron no rescate son a  única voz deste documental de testemuñas que intentan  superar aquela data, recordando os seus, e reclamando  que se investigue e se esclareza a verdade.

Documental sobre a traxedia do tren Alvia en Angrois
Documental sobre a traxedia do tren Alvia en Angrois

Despois de seis meses de traballo, o colectivo sen ánimo de lucro, Lentes  Diverxentes, formado por catro traballadores do audiovisual (Emilio Carral,  Fran Piñeiro, Marcos Budiño e Susana S. Recouso) saca á luz o seu primeiro  documental, no que se aproxima ás vivencias e sentimentos daqueles que  sufriron o accidente de Angrois en primeira persoa. O trailer desta produción xa se puido ver o pasado 23 de xullo, cando este colectivo audiovisual e Galicia Confidencial organizaron unha mesa redonda con vítimas, veciños e especialistas.

Vai xa un ano e 4 meses do accidente, e do shock e desconcerto dos  primeiros momentos vítimas e familiares loitan agora pola creación dunha  comisión de investigación no Parlamento na que se depuren as  responsabilidades políticas deste caso. Esixen que se reparen os danos  causados e que se garanta que se tomarán todas as medidas necesarias  para evitar que un accidente semellante poida ocorrer.

O documental Angrois no Esquecemento está narrado por unha vintena de  voces que, con repouso e reflexión, intentan asimilar e explicar o que supuxo  nas súas vidas a traxedia do Alvia: Familiares que se esmeran por superar o dó e as ausencias que deixou o  accidente; superviventes que loitan coas secuelas físicas e psicolóxicas  daquela data; profesionais que admiten como se viron superados pola  magnitude da traxedia, e que contan o tempo que tardaron en asimilar  xornadas interminables de traballo nas que perderon a noción do tempo; e  veciños e persoas anónimas que se botaron ás vías sen pensalo e a quen  conveteron en heroes sen eles buscalo.

O colectivo Lentes Diverxentes comeza a súa andaina coa idea de contribuír ao cambio dunha sociedade na que, a miúdo, hai voces que non se chegan a  escoitar. Ese é o proxecto dun grupo de catro persoas que, de xeito  desinteresado, altruísta e autofinanciado trata de sacar á luz problemáticas sociais desde o punto de vista de quen as padece.

Este primeiro traballo é o resultado dunha iniciativa menos ambiciosa, que na  primavera deste ano aspiraba só a recoller as vivencias dalgúns  protagonistas. Pero o contacto con estas testemuñas foi conducindo a novas  voces e desvelando novos datos que en moitas ocasións non recollía a actualidade informativa dos medios.

O documental, que se estrea este venres ás 22.30 no Centro Galego de  Arte Contemporánea dentro do festival Cineuropa, poderase ver en breve a  través da propia páxina www.angroisnoesquecemento.com. Nela xa teñen  voz os seus protagonistas e pódese ademais acceder ao avance que se  presentou con motivo do aniversario o 23 de xullo deste ano.

Ficha técnica:

Dirección: Emilio Carral, Susana S. Recouso

Guión: Emilio Carral, Susana S. Recouso.

Fotografía: Marcos Budiño, Fran Piñeiro.

Música: Kevin MacLeod.

Produción: Colectivo audiovisual Lentes Diverxentes.

ENLACES:

Tráiler: http://www.angroisnoesquecemento.com/pages/trailer

Protagonistas: http://www.angroisnoesquecemento.com/pages/protagonistas

Avance: http://www.angroisnoesquecemento.com/pages/avance

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Luisa

Mucho animo a todos los familiares de las victimas en especial a Esperanza y Marite porque lo he vivido mas de cerca.