Rueda manterá á cúpula de Sanidade, aínda que admite "problemas" sanitarios

Defende que o conselleiro fixo "un esforzo moi importante" este ano e espera que o continúe co apoio de "moitos" profesionais do sector.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2022 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu o "esforzo moi importante" que, baixo o seu punto de vista, realiza e espera que continúe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Ao tempo, recalcou que, aínda que hai moitos postos de libre designación cuxa continuidade non pode garantir "para sempre", non prevé o cesamento "directo e inmediato" de alto cargo algún, nin do departamento sanitario nin doutra consellería.

Tras numerosas críticas e protestas pola situación da sanidade galega, Rueda foi preguntado na comparecencia posterior ao Consello da Xunta pola decisión do presidente do Colexio oficial de Médicos de Pontevedra, Isidro Lago, como titular do Consello Galego de Colexios de Médicos, e se prevé cambios na Consellería.

O presidente galego respondeu que el "nunca" negou que haxa "problemas" no ámbito sanitario. "Tenos en toda España", apostilou, antes de incidir en que o "curioso" é o "interese" da oposición no Parlamento por cinguir á Comunidade dificultades que, baixo o seu punto de vista, sofren outras autonomías e de forma máis intensa.

A continuación, puxo en valor o traballo feito pola Consellería de Sanidade e polo seu titular. Proclamou que fixo "un esforzo moi importante este ano", que espera que continúe co "apoio maioritario" --remarcou-- de "moitos" profesionais do sector sanitario autonómico.

Rueda admitiu que se rexistraron "crises" e "dimisións", pero esgrimiu que o conselleiro conta co respaldo de "moitos profesionais" dispostos a "botar unha man" para que o sistema sanitario galego "siga sendo un dos mellores, senón o mellor" dos que hai en España.

SEN CAMBIOS "INMEDIATOS" EN MENTE

Na súa intervención, Rueda remarcou que a súa "obrigación" é apostar por manter as "canles de diálogo" coas organizacións que representan aos profesionais da sanidade en Galicia, para "escoitar" e tratar de "mellorar" con sensibilidade cara ás súas posturas.

Con todo, lembrou que el mesmo se reuniu cos representantes dos médicos e incidiu en que, á marxe do presidente do colexio pontevedrés, os titulares das outras tres entidades provinciais, non fixeron "súas" as súas críticas nin dado pasos similares.

Por iso, defendeu que "respecta" a súa decisión e a súa opinión --argumentou que hai miles de traballadores na sanidade galega, o que leva que haxa múltiples visións--, pero esgrimiu que no Executivo "fálase con outros moitos" profesionais que "tamén din que se mellorou ou que hai cousas que se están facendo ben".

En canto aos cambios, esgrimiu que, dado os numerosos cargos de libre designación que ten a Xunta, el non pode garantir a todos eles que vaian ter "estabilidade" ou continuidade "para sempre" no seu posto porque sería "imposible" e "non tería sentido". Pero afirmou que, a día de hoxe, non ten en mente a substitución de ningún alto cargo nin en Sanidade nin en ningunha consellería.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitan a nova UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitan a nova UCI do Hospital Clínico Universitario de Santiago | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta