Carme Pereiro: "o galego é perfectamente válido para ser utilizado na rede o mesmo que calquera outra lingua"

Carme Pereiro é a coordinadora do Proxecto Youtubeiras, unha vía para a normalización do galego dentro da Rede. Na edición deste ano, Pereiro sinala a calidade dos vídeos enviados ao certame e o aumento no número de participantes. O equipo de Youtubeiras está pensado en crear un arquivo de vídeos coas diferentes temáticas para ofrecer a futuras creadoras un catálogo co que aprender e informarse sobre técnicas e historias.

Por Moncho Mariño | Santiago | 01/01/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Cales foron os motivos para o nacemento de Youtubeiras e que fitos teñen marcado até o de agora o seu decorrer?

Gañadoras
Gañadoras | Fonte: Youtubeiras

Youtubeiras nace nun curso sobre lingua da Universidade de Santiago que se celebraba anualmente en Carballo. Dentro deste curso sempre había conversas entre as persoas participantes e no medio desas conversas caeuse na conta que o galego faltaba nas redes sociais. Isto levounos a pensar entre todos e todas nun proxecto de dinamización lingüística para o uso do galego na rede. Sobre os fitos que marcaron até o momento o traballo de Youtubeiras podemos dicir que o resultado é moi favorable. Podemos falar de que o proxecto está consolidado e que vai crecendo ano a ano e esta fachenda xa a demostramos co lema desta última edición: “Para rede, a nosa”. Penso que isto simboliza ese orgullo noso de termos xa unha comunidade de creadoras cunha gran calidade e diversidade nos seus contidos dirixidos a redes sociais, aínda que nós estamos dirixidas máis a Youtubeiras, mais sempre estamos pendentes do resto das redes, que a persoa que estea presente e Youtube tamén estea tamén noutras. Sobre os nosos inicios, comezamos en 2017, presentáranse 202 vídeos e en 2021 foron 2.613. Vemos que en cantidade hai un salto moi grande, mais este ano sentímonos especialmente orgullosos porque nós sempre intentamos que as persoas youtubeiras participen en entrevistas. Podo ser eu, pode ser unha finalista ou a gañadora dun premio ou alguén que se presenta de maneira habitual. O que nos transmiten é o mellor, son moi boas vibracións, din sentirse parte desta comunidade youtubeira, mesmo algunha delas ten dito, e isto fainos sentir moi orgullosas, por que estaba gravando os seus vídeos en castelán cando podía facelo en galego. Ese é o noso obxectivo principal, o uso do galego na rede por parte da xente.

-Que reaccións observades ante a creación de vídeos en galego para Youtube desde outros ámbitos lingüísticos?
Nas últimas entrevistas que eu escoitei, as persoas eran moi conscientes do uso do galego na rede porque estaban proxectando a lingua, estábana normalizando, prestixiando e dando a saber que o galego é perfectamente válido para ser utilizado na rede o mesmo que calquera outra lingua. Todas as linguas son válidas.

Algunha participante ten dito a si mesma por que estaba gravando os seus vídeos en castelán cando podía facelo en galego

-Dentro da vosa web tedes diferentes actividades como “Xestión, contas e outros enigmas”, “A megacolab” e “Unicornios e linguas non hexemónicas na rede”. En que consiste cada un destes puntos?
Youtubeiras é algo máis que un concurso, por iso temos outras accións para fortalecer o proxecto. Por exemplo, este ano como novidade tivemos vídeos explicativos dos procesos de creación dalgunhas youtubeiras, como foron “Cousas”, “Toxío” ou “Pneumático”. Por outra parte, tivemos a conversa “Unicornios e Linguas non hexemónicas na rede”. Neste último participaron persoas doutros lugares como Asturias, País Vasco, Cataluña xunto con Galicia. Todas elas fixeron unha conversa para poñer puntos en común e diferentes opinións. Despois tivemos o encontro colectivo “Megacolab”, dinamizado por Ginco, e aquí buscabamos que as persoas participantes creasen todas xuntas e unhas lles aprendesen a outras.

Foto Youtubeiras
Foto Youtubeiras

-Esta edición de 2022 ten aspectos que a diferencian das anteriores?
Houbo moitas novidades porque este é un proxecto que se move segundo evoluciona a comunidade creadora. Por unha parte, incluíronse dúas categorías novas: “Youtubeira revelación” e a outra foi “Rede. Nesta última valórase moito a capacidade desa creadora para fortalecer a rede noutras redes sociais. Por último, mantéñense “Canle”, “Youtubeira”, “Vídeo”, “Calidade Lingüística”, “Pioneiro” e “Do Público”. Os 7.500 euros en premios repártense en sete de 1.000 euros e outro de 500 euros para o premio do público. Admítense canles cun único vídeo publicado, cando na edición anterior xa se centraba máis en especialistas e debían ter un mínimo de cinco vídeos subidos. Intentamos impulsar novas temáticas, novos perfís de creadoras e buscamos darlle cabida a persoas que non sexan expertas e teñan diferentes idades e distintos niveis de alfabetización dixital. Tamén buscamos a creación dun público que consuma estes vídeos en galego. A última novidade é que pasou a formar parte do xurado a persoa gañadora da edición anterior.

-A busca dun público consumidor de vídeos en galego debe seguir uns pasos. No voso caso cales son?
Primeiro coa creación dos premios. Ademais, vendo entrevistas de persoas que recibiron galardóns, sinto que o premio “Youtubeira” é algo xa recoñecido. Tamén temos a parte formativa que este ano volve de maneira presencial aos centros escolares -deixárase de ofertar durante a pandemia-, houbo formacións en liña despois almacenadas na web e que se poden usar a través dela. Na mesma web temos outras moitas cousas como novidades, entrevistas a algunha das youtubeiras recoñecidas e con estes encontros colectivos buscamos que se faga comunidade. Durante a entrega dos premios buscamos a interacción persoal entre as participantes que só se coñecen mediante o mundo virtual. Para formentar isto último, este ano creamos unha novidade, despois da gala de entrega de premios teremos unha festa para compartir opinións na realidade pois no mundo virtual seguro que xa se coñecen moito.

tivemos o encontro colectivo “Megacolab” e aquí buscabamos que as persoas participantes creasen todas xuntas e unhas lles aprendesen a outras

-Existe algún colectivo que aumentara a súa presenza na creación en galego dentro de Youtube?
Agora mesmo non teño os datos porque as avaliacións de participación facémolas despois de entregar os premios, aínda así teño a impresión de que hai unha maior participación do mundo asociativo. Ademais, algo que me sorprendeu gratamente e que o número de canles participantes foron o dobre que o ano pasado. Alén diso, o máis importante creo eu, é que 45 das canles participantes non se inscribiran con anterioridade e moitas destas son de nova creación. Isto fainos pensar en que o proxecto Youtubeiras está animando á creación de novas iniciativas e tamén en parte, grazas á difusión dos medios de comunicación. Todo isto está dando a coñecer o proxecto e que se sume máis xente a el. Tamén houbo un número importante de canles que se presentaron a través do Premio do Público, pois dentro del, son os usuarios e as usuarias quen se presentan. Unha vez presentadas, vótase. Aí é onde se ve a repercusión.

-Á parte das cuestións técnicas, existen algúns mínimos para poder participar?
Ser maior de catorce anos e non se admiten vídeos que sexan ofensivos e os que non estean en galego por ser un proxecto de dinamización da lingua.

-Cales son os sinais que delatan unha maior evolución técnica nos vídeos que se presentan a Youtubeiras?
Este ano non fomos tanto pola parte técnica. O ano pasado si tratabamos de visibilizar aquelas canles que subían vídeos de maneira continuada. Este ano non nos centramos só en especialistas, senón que buscamos abrir o certame a todo o mundo pois toda persoa ten que iniciarse para chegar a especialista. Aínda así, este ano escoiteille ao xurado que a maioría dos vídeos tiñan moita calidade.

Durante a entrega dos premios buscamos a interacción persoal entre as participantes que só se coñecen mediante o mundo virtual

-A monetización dos vídeos pode supoñer un paso en detrimento da calidade dos audiovisuais que se suben a Youtube?
Eu entendo que non nos opoñemos á monetización desde o momento en que este ano tivemos unha formación dirixida a iso, “Xestión, contas e outros enigmas”. Paloma López Retorta, unha xestora laboral, explicaba como unha persoa podía facerse traballadora por conta propia. Isto dedúzoo eu porque non temos falado en conxunto sobre a monetización.

-Que pasos debera dar a persoa con interese en crear a súa canle sobre todo pensando na temática e na súa formación para creala?
Nesta edición de 2022, e fóra do certame, temos o proxecto de crear un catálogo de persoas Youtubeiras, por unha parte para darlles visibilidade, por outra parte para fomentar a creación de comunidade e, por outro, para poder ofrecer un lugar de referencia para a busca de contido dixital. Creo que o primeiro paso está en buscar o contido dixital existente, ver as temáticas que se están traballando e nesta edición podo dicir que hai de todo. Por iso digo que o primeiro é ver aquilo ofertado nos vídeos, como se está ofertando, quería traballalo desta maneira ou daquela e despois, comezar. Se é xente nova, estou certa que saben moito sobre editar e traballar con vídeo. Eu empezaría por formación e na web de Youtubeiras podes encontrar todo tipo de contidos. 

Carme Pereiro
Carme Pereiro | Fonte: Youtubeiras
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta