Galicia está máis preto de situarse na vangarda no tratamento do cancro

Autorizouse a construción do Centro Galego de Protonterapia e tamén a oferta de emprego público de 12 prazas de farmacéutico inspector de saúde pública e oito de subinspector sanitario

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2022 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou este xoves un investimento de máis de 22 millóns de euros para a construción do Centro Galego de Protonterapia, chamado a situar a Galicia á vangarda no tratamento do cancro.

En concreto, o Consello da Xunta autorizou a contratación da redacción do proxecto básico e de execución, obra e dirección de obra do novo centro por un importe total de 22.278.896 euros, susceptible de ser cofinanciado nun 60% polo programa operativo Feder Galicia 2021-2027.

"As obras licitaranse de forma inmediata e o prazo de execución será de 28 meses", indicou Rueda, antes de agregar que o futuro centro, situado en Santiago, acollerá un dos tratamentos "máis avanzados" para facer fronte ao cancro, e permitirá atender a pacientes tanto de Galicia como de Asturias e Castela e León.

A protonterapia consiste nun sistema de alta precisión que permite tratar tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, reducir de forma significativa a duración dos tratamentos e evitar os efectos secundarios doutras técnicas.

O Centro de Protonterapia estará dotado de 20 profesionais entre oncólogos radioterapeúticos, radiofísicos, enxeñeiros, persoal de enfermaría e técnicos de radioterapia, e traballará en rede con todos os servizos de radioterapia de Galicia; e coas especialidades de oncoloxía médica, cirurxía, traumatología, pediatría, neurocirugía, oftalmoloxía e anestesia.

PRIMEIRA COMUNIDADE EN LICITAR A OBRA

A consecuencia da complexidade técnica que supón esta actuación, o Executivo galego considera necesario a realización conxunta da redacción do proxecto, a obra e a dirección da obra deste centro, que se localizará en Santiago de Compostela.

"Galicia convértese así na primeira comunidade en licitar a obra para instalar o seu equipamento de protonterapia", reivindicou o presidente galego, quen confía en que tamén sexa a primeira autonomía en telo en marcha.

20 PRAZAS DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

Tamén no ámbito sanitario, a Xunta informou de que avanza no proceso de consolidación de emprego público no campo sanitario cumprindo co compromiso de publicar, antes de final de ano, as convocatorias da oferta de emprego extraordinaria derivada dese proceso.

O Goberno galego decidiu aproveitar estas convocatorias para incorporar nelas as prazas pendentes das ofertas públicas de emprego dos últimos anos, facilitando unha execución conxunta, e permitindo unha das maiores ofertas da historia da sanidade galega, con 5.651 prazas de persoal estatutario no Sergas e 123 de persoal funcionario da Consellería de Sanidade.

Dentro deste proceso, o Consello da Xunta aprobou, no seu útima reunión do ano, unha nova oferta de emprego público de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria. Inclúe un total de 20 prazas (12 de farmacéutico inspector de saúde pública e oito de subinspector sanitario).

Esta oferta esgota a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado para o ano 2022, que é do 110%. O sistema de selección será mediante concurso-oposición.

Así mesmo, o Consello da Xunta autorizou a contratación de 58 ecógrafos de ginecología e obstetricia, por un importe de case 5,2 millóns de euros para o sete áreas do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Comparecencia de Alfonso Rueda tras o Consello da Xunta.. XUNTA DE GALICIA
Comparecencia de Alfonso Rueda tras o Consello da Xunta.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta