A Deputación de Pontevedra é "a vacina contra o virus do caciquismo da Xunta", asegura Carmela Silva

A presidenta da administración provincial sinala que a Deputación é a "que máis fai por todos e cada un dos concellos da provincia de Pontevedra".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2022 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

"Esta Deputación é a vacina contra o virus do caciquismo da Xunta", afirmou a presidenta da administración provincial pontevedresa, Carmela Silva. "Somos o antídoto contra o veleno decimonónico do caciquismo", engadiu.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu este venres en rolda de prensa para facer balance da xestión anual que, segundo asegurou, mostra que a institución é "unha Administración presente en toda a provincia, que ten unha xestión extraordinaria".

A presidenta sinalou que a Deputación finaliza 2022 xestionando máis de 228 millóns de euros, resultado da suma dos 175,8 millóns de euros do orzamento inicial, os 37 millóns de euros incorporados nas modificacións de crédito e os 15,4 millóns de euros captados a través de fondos europeos.

Carmela Silva recalcou que a Deputación é a administración "que máis fai por todos e cada un dos concellos da provincia de Pontevedra" e insistiu na presenza transversal dos investimentos en toda a provincia: "somos a administración con cobertura no 100% do territorio, non temos zonas de sombra como sucede coa Xunta nesta provincia, que deixa moitos concellos sen os investimentos que lles corresponden".

A presidenta contrastou os "dous proxectos políticos antagónicos" de Deputación e Xunta de Galicia e incidiu en que "os concellos fan os seus orzamentos e planifican coa mirada posta na Deputación de Pontevedra; a maior parte deles xa se resignaron a traballar sen a Xunta, na que só atopan confrontación, mesmo matonismo institucional e un uso partidista dos fondos públicos".

"Hai unha Deputación municipalista e unha Xunta antimunicipalista", apuntou Carmela Silva algo que demostra, segundo sinalou, "o crecemento ano tras ano dos recursos que dedicamos aos concellos" ata o punto de que, afirmou a presidenta, "hoxe ser alcalde ou alcaldesa na provincia, especialmente nos concellos pequenos e medianos, é absolutamente distinto ao que era antes de 2015".

Carmela Silva resaltou como "os concellos hoxe son máis activos, fortes e transformadores porque hai unha Deputación cun proxecto claro para a provincia e que lles dá un apoio incondicional para que todos avancen máis e máis rápido".

Por último, a presidenta lembrou que "todos os nosos investimentos teñen criterios obxectivos" e con iso conseguiuse, subliñou, "que agora todos os concellos reciban un 70% máis de recursos que antes de 2015" cando gobernaba o PP, "e no caso dalgúns concellos, que antes non recibían investimentos da Deputación, o incremento sexa de máis dun 100%", finalizou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Gastar 60 millóns no Estadio de Balaídos aínda pendente de rematar e que se inunda dúas veces ao ano, debe ser unha das inversións favoritas da Marquesa de Toralla (?) E do resto da provincia haberá que dar a grazas ao BNG que traballa cual formiga na sombra mentras a que leva a fama é Carmela a Grande Feminista de Salón... // O BNG semella non aprender nada logo do "fracaso" da súa experiencia de cohabitación no Concello de Vigo que lle costou 8 anos no deserto político (?) Polo pan baila o can... lástima de bois...